Destacada

O Goberno vasco aproba o decreto que fixa o éuscaro como lingua principal na educación infantil

O Goberno vasco aprobou o pasado martes 20 de xaneiro, a 40 días das eleccións, o decreto que regula as competencias e habilidades que debe adquirir un neno durante a etapa de infantil, entre os 0 e os 6 anos, nos centros da rede educativa. O documento fixa o éuscaro como lingua vehicular principal no ámbito escolar, como o fai o currículo vasco para os ciclos de 6 a 16 anos.

Fonte: El Correo Digital

Tres editoriais lanzan os primeiros libros electrónicos en catalán o 1 de febreiro

As editoriais Angle, Cossetània e Bromera lanzarán mediante a súa web conxunta edi.cat os primeiros libros electrónicos en catalán o 1 de febreiro. O proxecto non se presentará ata mediados de febreiro, porque, ao ser unha iniciativa pioneira, saben que terán "problemas" e "retoques que facer". Cada unha sacará á venda en dixital cinco títulos do seu fondo bibliográfico.

Fonte: La Vanguardia

O boletín do Observatorio da Lingua Galega estrea versións en inglés e español

O boletín do Observatorio da Lingua Galega, Novas de Linguas, estrea esta semana versións en inglés (News on Languages) e en español (Boletín de Lenguas). Con esta iniciativa, preténdese conseguir un maior número de subscritores, que na actualidade superan os 850, e converterse así nunha fonte de información de referencia en materia de linguas non só en Galicia, senón tamén no resto de España e do mundo.

Dende o mes de setembro de 2008 xa era posible consultar a web do Observatorio da Lingua Galega en inglés e español, aínda que só os contidos estáticos. A partir de agora, progresivamente todas as seccións estarán dispoñibles nas tres linguas, de xeito que se avanza un paso máis na accesibilidade lingüística da web, o que facilitará as visitas de persoas interesadas nos temas lingüísticos e, desta maneira, a proxección exterior da lingua galega. O obxectivo é que esta web se converta así nun espazo de promoción non só da lingua galega, senón da diversidade lingüística en xeral.

Desde que botou a andar no mes de xuño de 2008, a páxina web do Observatorio recibiu un total de 11833 visitas de procedencias xeográficas moi variadas, desde diversos países de Europa (como Portugal, Reino Unido, Francia, Alemaña...), ata América (Arxentina, EEUU, México, Brasil, Chile...) ou mesmo Asia (Xapón e Malaisia) e África (Marrocos).

A sección que máis interese esperta é, sen dúbida, a de actualidade, onde se inclúen as noticias, seguida da de estatísticas, na que se poden consultar os datos dos diferentes estudos realizados ata o momento polo Observatorio da Lingua Galega.

A UNESCO publica a nova edición do atlas das linguas en perigo

A nova edición do Atlas da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) contén datos actualizados sobre máis de 2500 linguas en perigo. O comunicado afirma que a publicación da ferramenta interactiva será unha das actividades programadas para o Día Internacional da Lingua Materna.

Fonte: Prensa Latina

Todos os alumnos cataláns terán un PC táctil con contidos educativos en catalán

Cada alumno catalán terá un tablet PC (ordenador táctil) repleto de contidos educativos dixitais "multiplataforma" en catalán. O experimento probarase nas escolas dun barrio de Lleida para despois amplialo ao resto do territorio.

Fonte: El País

Linguamón – Casa das Linguas lanza unha nova páxina web con xogos e actividades sobre a diversidade lingüística

Con motivo do Día Internacional da Lingua Materna, Linguamón – Casa das Linguas lanzou a páxina web As Tres Xemelgas no Bosque das Palabras. Trátase dun espazo onde estas personaxes infantís reflexionan acerca da necesidade e a importancia de preservar todas as linguas do mundo.

Fonte: Linguamón

Cataluña

O 50% das películas que se estree en Cataluña deberá dobrarse ou subtitularse en catalán

A Lei do cine de Cataluña que impulsa o Goberno catalán establece a obrigación de distribuír o mesmo número de copias dobradas ao catalán que ao castelán, segundo explicou o conselleiro de Cultura e Medios de Comunicación, Joan Manuel Tresserras.

Fonte: La Vanguardia

O Goberno catalán cuadriplicará os cursos de catalán para camareiros

A Generalitat de Catalunya ten previsto realizar 300 cursos de catalán para que os profesionais da restauración teñan o nivel suficiente para poder atender os clientes nesta lingua. En total, prevese que participen uns 3000 alumnos.

Fonte: Avui

O Consello de Europa publica o segundo informe sobre as linguas rexionais de Austria

O Comité de Ministros do Consello de Europa publicou o luns 16 de marzo o segundo informe sobre a situación das linguas rexionais de Austria. Este informe foi elaborado por un comité de expertos independentes que supervisa a aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Fonte: Eurolang

O Parlamento catalán aposta no seu portal polo espírito plurilingüe e participativo

O Parlamento de Cataluña conta cunha web plurilingüe que se pode consultar en linguas como o galego, o éuscaro, o occitano e o inglés, amais do catalán e castelán.

Fonte: Código Cero

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder