Destacada
San Sebastián fomentará o uso do éuscaro no comercio e na hostalería

Cada vez é maior o número de consumidores que prefiren que se lles atenda en lingua vasca, segundo constata o Concello de San Sebastián. Por este motivo, e a través dun plan en tres fases, o Patronato Municipal de Euskera desenvolverá unha campaña de información e sensibilización para incrementar a presenza e o uso deste idioma nos establecementos de comercio e hostalería da cidade.
Fonte: El País
Telemadrid emitirá polas tardes a serie de animación ´X-Men´ en inglés para fomentar o bilingüismo

A Consellería de Educación madrileña e Telemadrid asinaron un convenio polo que o ente autonómico emitirá na súa segunda canle, La Otra, series de debuxos animados como 'X-Men', 'Vaca y Pollo' ou 'La Máscara' en inglés e con subtítulos tamén neste idioma, en horario de tarde, para fomentar o bilingüismo entre os nenos da Comunidade de Madrid.
Fonte: Levante-EMV
Os documentos oficiais que se envíen ás institucións europeas serán traducidos ás linguas cooficiais de España

O secretario de Estado para a UE, Diego López Garrido, afirmou que se puxeron en marcha todos os mecanismos para a tradución en todas as linguas cooficiais do Estado español dos documentos oficiais que se envíen ás institucións da UE, así como as respostas correspondentes. Garrido respondeu así a unha pregunta do deputado de CIU Jordi Xuclá sobre a posta en marcha dos mecanismos e protocolos necesarios para traducir a documentación en catalán que se envía ás institucións europeas e viceversa.
Fonte: Galicia Hoxe
RTVE e o Instituto Cervantes difundirán o español polo mundo a través do curso "Hola, ¿qué tal?"

A presidenta do Instituto Cervantes, Carmen Caffarel, o presidente da Corporación RTVE, Luis Fernández, o subdirector xeral da editorial SM, Javier Palop, o director de Investigación e Desenvolvemento de BBVA, Manuel Castro, e o presidente do Goberno da Rioxa, Pedro Sanz Alonso, presentaron na sede madrileña do Instituto Cervantes «Hola, ¿qué tal?». Trátase dun curso dirixido a todas as persoas interesadas en coñecer a lingua española en calquera lugar do mundo.
Fonte: ABC
A empresa Priberam lanza o primeiro corrector ortográfico adaptado á nova ortografía portuguesa

A empresa Priberam, especialista en software para o tratamento computacional da lingua portuguesa, presentou a primeira ferramenta de corrección ortográfica con soporte adaptado ao Acordo Ortográfico, o FLIP:mac2. A presentación contou coa presenza do ministro de Cultura portugués, José António Pinto Ribeiro.
Fonte: Sol
Xa está dispoñible en liña un novo corrector ortográfico e gramatical para a lingua catalá

A Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya impulsou e financiou o desenvolvemento dun corrector ortográfico e gramatical da lingua catalá. Trátase de El Corrector, que, mediante a adxudicación dun concurso público, desenvolveu o Grupo de Lingüística Computacional da Universidade Pompeu Fabra, coa colaboración de Barcelona Media.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Turquía terá unha canle pública de televisión en lingua kurda a partir do vindeiro ano

Turquía prepárase para unha nova etapa na apertura cara á súa comunidade kurda. Este colectivo espera con impaciencia unha data: o 1 de xaneiro de 2009, cando se lanzará unha canle de televisión pública de emisións en kurdo, idioma que noutro tempo mesmo estivo prohibido. Esta canle emitirá as 24 horas do día en lingua kurda.
Fonte: El Mundo
O Concello de León comezará a normalizar en 2009 o uso compartido do castelán e o leonés en documentos oficiais

O Concello de León ofrecerá ao longo de 2009 todos os seus documentos en castelán e llïonés. Así o anunciou o concelleiro responsable das áreas de Educación e Cultura Leonesa, Abel Pardo, quen asegurou que a duplicidade de linguas nos documentos oficiais debe enmarcarse dentro dun proceso de "normalidade".
Fonte: Leonoticias
O Goberno de Castela-A Mancha aprobará a principios deste ano o Plan de plurilingüismo

O Goberno rexional aprobará e presentará a principios deste ano o Plan de plurilingüismo de Castela-A Mancha que recollerá todas as actuacións que se están levando a cabo e as que se porán en marcha para a mellora e o impulso da aprendizaxe de linguas estranxeiras e a competencia comunicativa intercultural.
Fonte: Europa Press
Un novo servizo interpreta contidos web en lingua de signos española

A empresa Accedalia, pertencente ao Grupo Sherpa, que se dedica ao desenvolvemento web accesible, acaba de presentar a súa última aposta: Significa2, unha unidade de negocio pensada especificamente para o colectivo de persoas xordas.
Este servizo consiste na integración de vídeos signados (en lingua de signos española) na páxina web de calquera empresa ou institución que o solicite, onde se interpretarán todos ou parte dos contidos existentes.
Fonte: Solidaridad Digital
Boletín
Subscríbase ao boletín
