Destacada

Europa celebra o seu Día das Linguas o 26 de setembro

A Comisión celebra o 26 de setembro o Día Europeo das Linguas deste ano durante case unha semana. O acto central será unha conferencia sobre a aprendizaxe temperá das linguas. Ademais, inaugurarase a Plataforma Empresarial sobre Plurilingüismo, estrearase o vídeo "Interpréter pour l'Europe" (Interpretar para Europa) sobre o tema "O francés, ¿unha lingua minoritaria?", unha conferencia sobre "Como a tecnoloxía pode axudar os tradutores" e un debate acerca do plurilingüismo.

Fonte: Euroalert

Bitraga, a Biblioteca da Tradución Galega, recolle toda a produción da tradución galega desde 1980 ata a actualidade

Coordinada polas profesoras Ana Luna, Iolanda Galanes, Silvia Montero e Áurea Fernández, Bitraga compila a referencia bibliográfica dos textos literarios traducidos cara a e desde a lingua galega, co obxectivo de proxectar a importancia política e cultural da produción traducida.

Fonte: A Nosa Terra

A Xunta e a Universidade de Santiago desenvolven un programa para promover o galego e a integración dos estudantes estranxeiros

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentaron o programa Volangteer, un proxecto europeo que ten como obxectivo principal promover o uso do galego entre as persoas estranxeiras que estudan en Galicia e, desta maneira, aumentar o seu coñecemento da realidade sociocultural galega así como a súa integración, comprensión intercultural e solidariedade.

Fonte: Xunta de Galicia

O Goberno de Canadá pon en marcha unha nova ferramenta lingüística gratuíta en internet

Os internautas poderán en diante contar co novo Portal lingüístico de Canadá (www.noslangues.gc.ca), unha nova ferramenta en internet que lles permitirá encontrar de balde e nun único lugar todos os recursos relacionados coa lingua, incluído o servizo TERMIUM PLUS, un banco de datos que contén case catro millóns de termos en inglés, francés e español.

Fonte: Cyberpresse

Política Lingüística impulsará o uso do galego no ámbito local coa creación dunha rede de dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística está a traballar na posta en marcha da primeira Rede de dinamización lingüística local, que ten como obxectivo prioritario fomentar a extensión do uso da lingua galega neste ámbito.

Fonte: Xunta de Galicia

Publícase unha versión en galego da edición especial de Astérix e Obélix co gallo do 50 aniversario

Astérix e Obélix-O libro de Ouro, a edición especial das aventuras dos dous guerrilleiros galos, acaba de saír ao mercado a nivel mundial traducida a un total de 14 linguas, entre elas o galego. Trátase do primeiro número en varios anos que se edita tamén en lingua galega desde que a editora Salvat Bruño se responsabiliza da edición e comercialización desta coñecida banda deseñada.

Fonte: Vieiros

Preséntase o primeiro dicionario enciclopédico sobre ciencia e tecnoloxía en éuscaro

O dicionario enciclopédico Elhuyar sobre ciencia e tecnoloxía (Elhuyar zientzia eta teknologiaren hiztegi entziklopedikoa) xa está á venda, e é o primeiro deste tipo que se publica en éuscaro. Nesta obra, participaron ao longo de varios anos máis de 200 expertos, baixo a dirección de Antón Gurrutxaga.

Fonte: Basque research

Política Lingüística promoverá a organización de diversos cursos de galego no Instituto Cervantes durante o próximo ano

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, visitou a sede do Instituto Cervantes en Madrid, onde se entrevistou con Francisco Moreno, director académico desta institución. Durante a reunión, ambos os responsables amosaron o seu interese en continuar co marco de colaboración entre Política Lingüística e a institución que preside Carmen Caffarel, dentro do que se van realizar diversas actividades sobre lingua e cultura galegas durante o próximo ano.

Fonte: Xunta de Galicia

Os Xogos de Inverno de Vancouver serán retransmitidos en 22 linguas

Os próximos Xogos Olímpicos de Inverno de Vancouver serán retransmitidos en 22 linguas, con comentarios deportivos e análises xogada a xogada realizados nunha gran variedade de linguas que inclúe o mandarín, o bengalí, o ucraíno, a lingua aborixe dos Mechif e o guxaratí do sur de Asia.

Fonte: CP24

Unha das máximas autoridades internacionais en fraseoloxía presenta en Santiago a súa última obra, que só se traduciu ao galego

O ruso Dmitrij Dobrovol’skij, un dos grandes especialistas en fraseoloxía a nivel mundial, estará o venres 27 de novembro en Santiago para presentar a súa última obra, Aspectos teóricos da fraseoloxía, que realizou xunto con Anatolij Baránov. O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de publicar esta versión en galego, primeiro e único idioma ao que foi traducida esta obra tan esperada da fraseoloxía, escrita orixinariamente en ruso.

Fonte: Xunta de Galicia

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder