Destacada

Política Lingüística impulsará o uso do galego no ámbito local coa creación dunha rede de dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística está a traballar na posta en marcha da primeira Rede de dinamización lingüística local, que ten como obxectivo prioritario fomentar a extensión do uso da lingua galega neste ámbito.

Fonte: Xunta de Galicia

Publícase unha versión en galego da edición especial de Astérix e Obélix co gallo do 50 aniversario

Astérix e Obélix-O libro de Ouro, a edición especial das aventuras dos dous guerrilleiros galos, acaba de saír ao mercado a nivel mundial traducida a un total de 14 linguas, entre elas o galego. Trátase do primeiro número en varios anos que se edita tamén en lingua galega desde que a editora Salvat Bruño se responsabiliza da edición e comercialización desta coñecida banda deseñada.

Fonte: Vieiros

Preséntase o primeiro dicionario enciclopédico sobre ciencia e tecnoloxía en éuscaro

O dicionario enciclopédico Elhuyar sobre ciencia e tecnoloxía (Elhuyar zientzia eta teknologiaren hiztegi entziklopedikoa) xa está á venda, e é o primeiro deste tipo que se publica en éuscaro. Nesta obra, participaron ao longo de varios anos máis de 200 expertos, baixo a dirección de Antón Gurrutxaga.

Fonte: Basque research

Política Lingüística promoverá a organización de diversos cursos de galego no Instituto Cervantes durante o próximo ano

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, visitou a sede do Instituto Cervantes en Madrid, onde se entrevistou con Francisco Moreno, director académico desta institución. Durante a reunión, ambos os responsables amosaron o seu interese en continuar co marco de colaboración entre Política Lingüística e a institución que preside Carmen Caffarel, dentro do que se van realizar diversas actividades sobre lingua e cultura galegas durante o próximo ano.

Fonte: Xunta de Galicia

Os Xogos de Inverno de Vancouver serán retransmitidos en 22 linguas

Os próximos Xogos Olímpicos de Inverno de Vancouver serán retransmitidos en 22 linguas, con comentarios deportivos e análises xogada a xogada realizados nunha gran variedade de linguas que inclúe o mandarín, o bengalí, o ucraíno, a lingua aborixe dos Mechif e o guxaratí do sur de Asia.

Fonte: CP24

Unha das máximas autoridades internacionais en fraseoloxía presenta en Santiago a súa última obra, que só se traduciu ao galego

O ruso Dmitrij Dobrovol’skij, un dos grandes especialistas en fraseoloxía a nivel mundial, estará o venres 27 de novembro en Santiago para presentar a súa última obra, Aspectos teóricos da fraseoloxía, que realizou xunto con Anatolij Baránov. O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de publicar esta versión en galego, primeiro e único idioma ao que foi traducida esta obra tan esperada da fraseoloxía, escrita orixinariamente en ruso.

Fonte: Xunta de Galicia

A rede social Tuenti xa está dispoñible en catalán, galego e éuscaro

Os usuarios de Tuenti, unha das redes sociais máis populares de España, dispoñen xa dunha versión en catalán, en galego e en éuscaro. Segundo afirman desde Tuenti, "trátase dunha aposta desde a rede polo local. Somos unha ferramenta de comunicación e por iso temos que ser relevantes na proximidade".

Fonte: La Vanguardia

Xa están dispoñibles na rede dous novos recursos para o galego xurídico

O Colexio de Avogados de Santiago de Compostela vén de pór na rede dous novos recursos para o galego xurídico: trátase do proxecto “Formularios procesuais en lingua galega” e “As leis en galego”. O primeiro deles consiste no labor de tradución e renovación dos escritos máis habituais da práctica da avogacía. Pola súa banda, "As leis en galego” é o título doutro novo recurso, unha páxina web na que se ofrece unha recompilación dos textos legais publicados en galego.

Fonte: CTNL

A Xunta de Galicia presenta o primeiro dicionario enciclopédico en lingua galega sobre as TIC

A lingua galega conta xa co primeiro dicionario enciclopédico sobre novas tecnoloxías. O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Cristóbal Varela, participaron na presentación do Dicionario galego das TIC ou Digatic, un traballo que pretende divulgar a terminoloxía das novas tecnoloxías en lingua galega e ser, ademais, unha ferramenta pedagóxica para o seu uso e difusión no ensino e entre a cidadanía en xeral.

Fonte: Xunta de Galicia

As Cortes de Aragón aproban a Lei de uso, protección e promoción das linguas propias de Aragón

O pleno das Cortes de Aragón aprobou en sesión plenaria a Lei de uso, protección e promoción das linguas propias de Aragón, decisión que supón o final dunha tramitación que se iniciou o pasado mes de setembro cando o PSOE presentou a proposición da lei.

Fonte: Cortes de Aragón

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder