España
Increméntase a partida destinada á lingua asturiana no proxecto de orzamentos para o ano 2023 do Principado
A partida para a promoción do asturiano ascende a 2 535 701 euros para o 2023, fronte aos 2 205 441 deste ano. Malia o incremento, segue a representar o 0,04 % do total do orzamento.
Fonte: La Voz de Asturias
O Goberno vasco presenta unha campaña para sensibilizar sobre o uso do éuscaro no comercio e na hostalería

A campaña "Eskatu, eskaini euskaraz" ten como obxectivo fomentar o uso do éuscaro nos establecementos comerciais e hostaleiros. Un total de 124 municipios vascos e as tres deputacións forais, así como mancomunidades e asociacións de comercio e hostalería sumáronse este ano á iniciativa.
Fonte: Gobierno Vasco
O Goberno do Principado organiza unha iniciativa para achegarlle o asturiano á mocidade
A xornada «Seronda Moza» celebrouse en Llanera e está dirixida a mozos e mozas dos 16 aos 35 anos. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo achegarlle a lingua asturiana a este colectivo a través da cultura e o lecer.
Fonte: AsturNews
Preséntase o maior dicionario de lingua aragonesa

O maior dicionario de lingua aragonesa, froito de máis de doce anos de traballo, recolle máis de 90 000 entradas en 2500 páxinas. Cada entrada acompáñase das súas equivalencias en castelán e catalán, e conta, ademais, con información gramatical, etimoloxía e, no caso de animais e vexetais, nome científico.
Fonte: Aragón Cultura
Reclaman o uso do asturiano e da toponimia oficial na Inspección Técnica de Vehículos de Asturias
Iniciativa pol Asturianu presentoulle un escrito á sociedade Inspección Técnica de Vehículos de Asturias S.A. para esixirlle o uso do asturiano e do galego-asturiano nos carteis e na información das distintas estacións do Principado.
Fonte: La Nueva España
A Generalitat de Cataluña presenta cen medidas para impulsar a lingua catalá

A situación do catalán é unha prioridade para o Goberno de Cataluña polo que quere impulsar unha nova política lingüística que asegure o seu futuro, así como o do aranés e o da lingua de signos catalá. Para iso, iniciou un proceso de traballo cuxo resultado é unha listaxe de 100 medidas de carácter transversal para fomentar o catalán en todos os ámbitos.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Instituto de Estudos Cataláns incorpora ao seu dicionario 21 novas palabras
As novidades do ano 2022 do Diccionari de la llengua catalana (DIEC) supoñen a incorporación de 21 palabras novas, como trans, feminicidi ou negacionisme, así como 70 locucións e varias modificacións.
Fonte: Nius
A Generalitat Valenciana acorda os requisitos lingüísticos para acceder á Función Pública
As consellerías de Educación e Xustiza conseguiron un acordo sobre o nivel de coñecemento de valenciano que deberá acreditarse para acceder a un posto na Administración pública desta comunidade. O acordo deixa fóra o persoal sanitario, para o que será un mérito, e o persoal docente, que ten a súa propia regulación.
Fonte: Valencia Plaza
Un total de 63 modelos de coche xa dispón de manual de uso en catalán

Sete marcas da industria automobilística (Cupra, Ford, Lexus, Mazda, Seat, Tesla e Toyota) publicaron en catalán os manuais de instrucións dos seus vehículos grazas ao contacto da Secretaría de Política Lingüística cos principais fabricantes para incrementar o uso desta lingua nos seus produtos e servizos.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Deputación de Biscaia organiza encontros co sector do éuscaro do territorio
Estes encontros reuniron máis de 100 axentes do sector do éuscaro de Biscaia para compartir opinións sobre a situación da lingua vasca neste territorio, así como reflexionar sobre as estratexias para afrontar os retos do futuro e analizar posibilidades de colaboración.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín