España
Unha nova iniciativa porá en valor a presenza do éuscaro nos museos forais biscaíños

A Deputación Foral de Biscaia puxo en marcha 'Ondarea, Berbetan', unha iniciativa que ten como obxectivo visibilizar a presenza do éuscaro nos museos forais mediante uns soportes físicos que mostrarán un alfabeto nesta lingua con termos que identifican cada museo. Ademais, as persoas visitantes disporán dun pequeno dicionario con estas palabras acompañadas do seu significado en castelán, inglés e francés.
Fonte: El Diario
A versión en liña do dicionario do Instituto de Estudos Cataláns incorpora 100 novos termos, moitos vinculados coa pandemia de covid-19
O Instituto de Estudos Cataláns incorporou neste ano 2021 á versión dixital do seu dicionario cen palabras e modificou outras 239. O ámbito da saúde é un dos que máis novidades achega a causa da pandemia, aínda que non é o único.
Fonte: La Vanguardia
Créase un grupo de linguas eurorrexional para fomentar o catalán e o occitano
A Eurorrexión Pireneos Mediterránea creou un grupo de linguas para impulsar o catalán e o occitano, que son as linguas propias dos territorios que engloba, isto é, Cataluña, Baleares e Occitania. Este grupo porá en marcha dous proxectos piloto: un para fomentar o seu uso entre a mocidade nas redes sociais e outro para intercambiar experiencias no ensino para adultos.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Un grupo de familias pon en marcha unha iniciativa para pedir espazos vitais que faciliten a comunicación en éuscaro
A iniciativa Arnas Dezagun ten como obxectivo denunciar a dispersión do alumnado falante de éuscaro, así como pedirlles ás Administracións e aos centros educativos que se garantan espazos vitais cómodos para comunicarse nesta lingua.
Fonte: Naiz
O persoal do Concello de Palma de Mallorca recibe a normativa lingüística municipal que establece o catalán como lingua de atención preferente
O Concello de Palma repartiu entre o seu funcionariado un resumo da normativa lingüística municipal. Nesta establécese que deben usar o catalán na tramitación de documentos e na relación coa cidadanía, coa que só empregarán o castelán se piden atención nesta lingua.
Fonte: Faro de Vigo
O Concello de Valencia inicia unha campaña de promoción do uso do valenciano desde as escolas infantís
A campaña «Creixent al caliu» pon a disposición das escolas infantís de Valencia material didáctico e un programa de actividades para a promoción do uso do valenciano como lingua transversal co obxectivo de sensibilizar as familias e a sociedade en xeral sobre a importancia da transmisión desta lingua.
Fonte: 20minutos
Preséntase en Pamplona a terceira edición de Euskaraldia que aposta por combinar palabra e acción para favorecer o cambio de hábitos lingüísticos
A terceira edición de Euskaraldia, cuxa prioridade será dotar a cidadanía de recursos máis eficaces para cambiar os seus hábitos lingüísticos, celebrarase o vindeiro ano baixo o lema «Hitzez ekiteko garaia» (tempo de actuar coa palabra).
Fonte: El Diario Vasco
O Tribunal Supremo avala que se imparta un 25 % das clases en castelán nos centros educativos de Cataluña
O alto tribunal rexeita o recurso de casación presentado pola Generalitat contra unha sentenza que obrigaba a garantir que o castelán fose a lingua vehicular de, como mínimo, o 25 % das materias.
Fonte: El País
As plataformas audiovisuais deberán ofertar o 6 % dos seus contidos en galego, éuscaro ou catalán

Plataformas audiovisuais como Netflix, HBO ou Amazon Prime Video deberán ofrecer un 6 % dos seus contidos en galego, catalán ou éuscaro. Así se recollerá na nova lei audiovisual que prepara o Goberno español, que ademais tamén obrigará a incorporar subtítulos nestas linguas sempre que sexa posible.
Fonte: El Periódico
Un informe sinala que o 80 % do persoal da Administración pública vasca comprende o éuscaro

Segundo un informe sobre normalización do uso do éuscaro no sector público vasco, oito de cada dez persoas que traballan na Administración pública teñen capacidade para entender éuscaro, e sete de cada dez son capaces de falalo e escribilo.
Fonte: Gobierno Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín