España
O Goberno de Navarra convoca unha nova edición do concurso de traballos de investigación lingüística sobre o éuscaro
Por terceiro ano consecutivo, convócase o concurso de traballos de investigación lingüística sobre o éuscaro no ámbito de Navarra, ao que se destinarán 12 000 euros. O obxectivo desta convocatoria é difundir os proxectos de campos como a lexicografía, a dialectoloxía, a toponimia e a sociolingüística.
Fonte: Noticias de Navarra
Increméntanse en Menorca as solicitudes de axuda para a promoción do catalán
O aumento de peticións para acceder a algunha das liñas de axuda para o fomento do catalán en Menorca foi espectacular, ao pasar de 38 en 2019 a 82 en 2020. En total repartiranse 40 000 euros en catro liñas: edición, con 19 solicitudes; empresa, con 38; deporte, con sete; e tecido asociativo, con oito.
Fonte: Menorca.info
O Senado apoia unha iniciativa para que todas as Administracións promovan as linguas minorizadas

O Senado deu o seu apoio a unha iniciativa parlamentaria presentada polo PNV para instar o Goberno a que garanta que as Administracións promovan as linguas minorizadas e o dereito da cidadanía a empregalas nos seus trámites.
Fonte: La Vanguardia
O Concello de Gandía reparte manteis entre os establecementos hostaleiros para fomentar o uso do valenciano
O Concello de Gandía presentou a campaña "Gandia en valencià", dirixida aos establecementos hostaleiros para normalizar o uso do valenciano. No marco desta iniciativa repartiranse 10 000 manteis de papel entre a hostalería da cidade.
Fonte: Saforguia
Comeza unha nova edición de Mintzalaguna, unha iniciativa que reúne persoas que falan éuscaro con outras que queren aprendelo
En outubro comezan os novos grupos de Mintzalaguna, unha iniciativa mediante a que persoas que falan éuscaro se xuntan con outras que queren falalo, para o que se crean pequenos grupos de conversa que se reúnen unha hora á semana.
Fonte: Gasteiz Hoy
A Facultade de Formación do Profesorado e de Educación acolle a primeira proba de certificación de lingua asturiana de nivel intermedio
Un total de 800 persoas solicitaron a súa participación na primeira proba de certificación de lingua asturiana de nivel intermedio (B2), para a que se establecera un máximo de 500 prazas.
Fonte: La Nueva España
O Concello de Pamplona abre a convocatoria municipal de axudas a proxectos de promoción do éuscaro
O Concello de Pamplona convoca subvencións para a realización de proxectos de promoción do éuscaro, unha convocatoria á que destinará 72 000 e que está dirixida a entidades e asociacións sen ánimo de lucro.
Fonte: Diario de Navarra
O Concello de Bilbao e a Real Academia da Lingua Vasca renovan o seu convenio de colaboración anual
O Concello de Bilbao e a Real Academia da Lingua Vasca-Euskaltzaintza renovaron o convenio anual que manteñen desde 2008 polo cal ambas as institucións colaboran no desenvolvemento e a socialización do éuscaro na cidade, así como na organización de actos culturais. Ao abeiro deste convenio, Euskaltzaindia recibe unha subvención de 35 500 euros e presta asesoramento lingüístico aos diferentes servizos municipais.
Fonte: Deia
A Deputación de Áraba pon en marcha un programa de asesoramento en éuscaro dirixido ás empresas

A Deputación de Áraba, en colaboración co Goberno vasco e o Concello de Vitoria, porá en marcha, no marco do programa Lanabes de impulso do uso do éuscaro no ámbito empresarial arabés, dous novos proxectos: unha comunidade de prácticas nesta lingua e un servizo de asesoramento lingüístico para as empresas.
Fonte: El Correo
O proxecto Lingua e prensa da Universidade de Málaga permite acceder a unha hemeroteca lingüística virtual con máis de 22 000 novas

O proxecto Lingua e prensa, impulsado pola Universidade de Málaga en 2008 para recompilar noticias xornalísticas sobre as linguas de España, permite na actualidade acceder a unha hemeroteca lingüística virtual que conta con máis de 22 000 novas etiquetadas procedentes de diferentes medios de comunicación.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín