España
O Concello de Massamagrell reparte bolsas no mercado para promover o valenciano
O Concello de Massamagrell puxo en marcha unha nova iniciativa de fomento do valenciano que consiste na repartición gratuíta de bolsas da compra reutilizables nos postos do mercado municipal con frases escritas nesta lingua.
Fonte: Las Provincias
Reclaman un incremento do uso do éuscaro nos informativos de RTVE no País Vasco
Un senador do PNV solicitoulle á administradora única de RTVE durante a Comisión Mixta da Corporación que os informativos emitidos polo ente público no País Vasco adopten unha actitude proactiva a prol do éuscaro e fagan un maior esforzo por empregar esta lingua.
Fonte: El Confidencial Digital
Un manifesto reclama máis contidos culturais e musicais asturianos na RTPA
Máis de cen persoas do ámbito da cultura asinaron un manifesto que, baixo o título ‘Por una RTPA al serviciu de la cultura asturiana’, reclama que a Radiotelevisión Pública de Asturias dignifique e aumente os contidos asturianos, especialmente na lingua propia, na súa programación.
Fonte: Nortes
O Concello de Donostia organiza diferentes proxectos para fomentar o uso do éuscaro no tempo de lecer da infancia e a mocidade

O Concello de Donostia vai organizar diferentes actividades para fomentar o éuscaro entre a infancia e a mocidade no seu tempo de lecer, co obxectivo de que o emprego desta lingua non se reduza ao ámbito escolar, senón que tamén se use noutros espazos vitais, como os parques ou os adestramentos deportivos.
Fonte: DonostiTik
Lanzan un GIF co topónimo Vila-real para darlle visibilidade nas redes sociais ao nome correcto da cidade

O lanzamento do GIF para o topónimo Vila-real, creado polo Concello, ten como obxectivo favorecer a escritura correcta do nome da cidade a través das redes sociais. A iniciativa enmárcase nunha campaña que ten como lema “El nom és Vila-real”.
Fonte: El Periòdic
Ponse en marcha unha nova edición do programa Berbetan para a práctica do éuscaro
O programa para a práctica do éuscaro Berbetan, organizado pola asociación Eta kitto!, xa ten aberto o prazo de inscrición. Esta iniciativa posibilita os encontros entre persoas con esta lingua como protagonista de conversas e actividades en grupos reducidos.
Fonte: Diario Vasco
Convócanse probas de coñecemento de valenciano do nivel C1
A Xunta Cualificadora de Coñecementos de Valenciano (JQCV) lanzou unha convocatoria extraordinaria das probas de valenciano do nivel C1. En total, ofértanse 11 000 prazas en 15 sedes diferentes.
Fonte: La Vanguardia
Un libro trata a terminoloxía xurdida en español a partir da pandemia da covid-19
O reitor da Universidade Abat Oliba CEU, Rafael Rodríguez-Ponga, acaba de publicar Pandemia y resiliencia: aportaciones académicas en tiempos de crisis, unha obra que contén un capítulo dedicado á nova linguaxe xurdida a partir da pandemia. En total, identificou 127 palabras ou expresións, entre as que se atopan préstamos do inglés, neoloxismos, popularización de termos que anteriormente estaban limitados ao ámbito científico ou hospitalario, xeneralización de siglas como nomes comúns...
Fonte: La Vanguardia
O Concello de Valencia presenta unha nova edición do Voluntariado polo Valenciano que terá como novidade a modalidade virtual
A quinta edición do Voluntariado polo Valenciano, unha iniciativa do Concello de Valencia que busca fomentar o uso desta lingua entre o persoal da Corporación, incorpora unha novidade, a de permitirlles ás persoas participantes escoller a modalidade de realización, presencial ou virtual, a través dunha aplicación.
Fonte: El Periòdic
Un estudo liderado por dúas universidades catalás conclúe que falar activamente dúas linguas protexe da deterioración cognitiva

Co gallo da celebración do Día Mundial do Alzhéimer, a revista Neuropsychologia publicou unha investigación, centrada na poboación de Barcelona e a súa área metropolitana, que conclúe que falar dúas linguas de forma activa durante toda a vida protexe da deterioración cognitiva.
Fonte: Praza Pública
Boletín
Subscríbase ao boletín