España
Tres marcas de coches aceptan traducir ao catalán os manuais dos seus vehículos

Seat, Toyota e Lexus aceptaron traducir ao catalán os manuais de 18 modelos de vehículos diferentes, o que significa que arredor de 10 000 páxinas están a disposición da clientela nesta lingua nas webs das compañías.
Fonte: El Confidencial Digital
Unha rede de acollida donostiarra busca voluntarios para darlles clases de éuscaro e castelán aos migrantes
A Rede de Acollida Cidadá de Donostia busca persoas voluntarias para darlles clases de éuscaro e castelán a migrantes acabados de chegar á cidade. O perfil dos que acceden é, maioritariamente, o de homes, marroquís, subsaharianos ou alxerianos.
Fonte: DonostiTik
TVE prepara unha programación especial en catalán para Cataluña

A canle pública ten previsto lanzar en setembro para Cataluña unha programación específica en catalán a través de La 2. Os plans de TVE recollen ata seis estreas de novos programas e fichaxes especiais como o da xornalista catalá Gemma Nierga.
Fonte: VerTele
A RTPA e a Consellería de Cultura convocan proxectos de produción para promover o asturiano

A Radiotelevisión do Principado de Asturias, en colaboración coa Consellería de Cultura, Política Lingüística e Turismo, lanzan unha convocatoria, á que se destinarán 133 800 euros, de proxectos de produción cultural en lingua asturiana.
Fonte: RTPA
Instan o Goberno canario a que inicie o expediente de declaración do asubío da Gomera como Ben de Interese Cultural
O Cabido da Gomera aprobou unha moción para instar o Goberno canario a que inicie o expediente de declaración do asubío desta illa como Ben de Interese Cultural na categoría de tradicións e expresións orais, xa que constitúe unha forma de comunicación única.
Fonte: El Día
Un estudo analiza a realidade lingüística de 16 cadeas de supermercados dos territorios de fala catalá

A Plataforma per la Llengua analizou a realidade lingüística de 16 cadeas de supermercados dos territorios de fala catalá a partir de máis de 2300 valoracións globais realizadas no mes de xuño polas persoas usuarias da CatalApp sobre atención oral, escrita e virtual dos establecementos.
Fonte: Plataforma per la Llengua
Ponse en marcha unha campaña para normalizar o uso do valenciano nos carteis das praias

A Plataforma per la Llengua e o Tirant acaban de organizar a campaña #NormalitzaLaPlatja coa que pretenden normalizar o emprego do valenciano en calquera lugar, principalmente, nos carteis das praias, posto que moitos dos que se atopan ao longo da costa valenciana están só en castelán.
Fonte: València Extra
Un proxecto do IES N.º 1 de Xixón gaña o III Premio Fierro Botas á mellor idea normalizadora do asturiano
O proxecto Estaciones, creado por cinco alumnos de 4.º da ESO do IES N.º 1 de Xixón, conseguiu o III Premio Fierro Botas á mellor idea normalizadora do asturiano. O proxecto consistía en bolsas con poemas sobre as estacións do ano e un glosario con termos nesta lingua relacionados con elas.
Fonte: La Nueva España
Publícase a orde que regula a participación dos centros educativos aragoneses en proxectos lingüísticos
A Orde ECD/685/2020, de 21 de xullo, regula a participación en proxectos lingüísticos en linguas propias de Aragón (isto é, aragonés e catalán de Aragón) dos centros educativos públicos e privados concertados non universitarios desta comunidade autónoma.
Fonte: Iustel
O Goberno balear subvenciona os medios de comunicación en catalán

O Goberno balear destinará un total de 575 000 euros a subvencionar medios de comunicación en catalán do arquipélago. Estas axudas teñen como obxectivo impulsar a presenza desta lingua na prensa, as publicacións especializadas, a radio e a televisión, así como garantir o dereito da cidadanía a recibir información en catalán.
Fonte: Crónica Balear
Boletín
Subscríbase ao boletín