España
Segundo unha enquisa, en Cataluña existe un elevado consenso sobre a unidade da lingua catalá

A enquisa sobre os usos lingüísticos da poboación de 2018 conclúe que o 70,6 % da poboación está totalmente ou bastante de acordo con que o que se fala nas illas Baleares, a Comunidade Valenciana, Andorra e Cataluña son xeitos diferentes de falar a mesma lingua.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O Consello Regulador da DOP Sidra de Asturias aposta polo uso do asturiano na súa nova campaña publicitaria
«La sidra, con mazana d'Asturies. Pidi sidra con denominación d'orixe, lo auténtico» é o lema da campaña publicitaria de verán impulsada polo Consello Regulador da DOP Sidra de Asturias, que nesta ocasión apostou polo emprego do asturiano sumándose así a outras marcas comerciais que tamén escolleron esta lingua para uso publicitario.
Fonte: El Comercio
O Consello Asesor de Política Lingüística do Principado constituirase en setembro

Varias foron as cuestións relativas á lingua asturiana que tiveron que adiarse a causa da pandemia do coronavirus, pero que agora, coa chegada da nova normalidade, van retomarse. Por unha banda, o arranque do Consello Asesor de Política Lingüística, que se constituirá en setembro; e, por outra, o debate sobre a reforma do regulamento para permitir o uso do asturiano na Cámara.
Fonte: La Voz de Asturias
RTVE estuda a posibilidade de emitir en éuscaro na desconexión territorial que realiza para o País Vasco
O PNV leva tempo reclamando que a radiotelevisión pública española emita en éuscaro na desconexión territorial que realiza para o País Vasco. Agora, a administradora única de RTVE, Rosa María Mateo, mostrouse disposta a estudar esta posibilidade.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
O Concello de Palma de Mallorca crea un servizo de dinamización lingüística

Este novo servizo de dinamización lingüística, de carácter temporal, terá un custo anual de 95 000 euros. Está previsto que poña en marcha catro programas co obxectivo lograr un maior uso social do catalán: sociocultural, escolar, intercultural e un destinado a comercios e empresas.
Fonte: Diario de Mallorca
O Goberno balear convoca axudas destinadas a actuacións de fomento do uso do catalán
A Dirección Xeral de Política Lingüística convocou unha liña de axudas, das que se poden beneficiar concellos e entidades sen ánimo de lucro, destinadas a actuacións para impulsar o emprego da lingua catalá por un importe de 225 000 euros.
Fonte: Nou Diari
O Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana anula varios artigos da Oficina de Dereitos Lingüísticos

O Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana declarou nulos diversos artigos do decreto que regula a creación e o funcionamento da Oficina de Dereitos Lingüísticos despois dun recurso presentado por unha asociación de defensa do castelán.
Fonte: La Vanguardia
Unha cuarta parte da mocidade vasca consulta webs ou información por Internet en éuscaro

Segundo unha enquisa, as persoas máis novas (15-19 anos) son as que máis usan o éuscaro en internet, con porcentaxes que descenden a medida que se incrementa a idade. Por territorios históricos, a mocidade guipuscoana é a que máis consultas realiza na rede nesta lingua.
Fonte: Gobierno Vasco
Máis de 30 entidades reclaman unha defensa do valenciano xunto a Cataluña e as Baleares

Entidades da sociedade civil, sindicatos e partidos políticos subscribiron un manifesto para esixirlle á Generalitat Valenciana a defensa do valenciano cun plan de cooperación lingüística xunto a Cataluña e ás Baleares, despois da sentenza do Tribunal Supremo que anula parcialmente o decreto que regula o seu uso na Administración.
Fonte: La Vanguardia
Solicitan a emisión de contidos en aragonés no centro territorial de RTVE
Dende a Chunta Aragonesista pídenlle á administradora provisional única da Corporación RTVE o deseño de contidos específicos en lingua aragonesa para emitir en Aragón a través do Centro Territorial.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín