España
Comezan as emisións de Teve.cat, unha nova canle de televisión en catalán

O pasado luns 27 abril comezaron as emisións de Teve.cat, unha nova canle de televisión que mestura entretemento, debate e actualidade e que emitirá en lingua catalá.
Fonte: InfoPeriodistas
A Generalitat de Cataluña convoca unha liña de axudas para promover o uso do catalán no ámbito tecnolóxico

A Dirección Xeral de Política Lingüística quere impulsar o uso do catalán nas novas tecnoloxías, en especial, as relacionadas co entretemento dixital da xente nova. Por este motivo, convoca unha liña de axudas dirixidas ás empresas que incorporen esta lingua nos seus produtos tecnolóxicos, sobre todo, videoxogos e aplicacións.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O diario Ara convoca un premio de cómic en catalán

A convocatoria do Premio ARA de Cómic en Catalán ten como obxectivo fomentar o uso desta lingua nos xéneros de non ficción no cómic adulto. As persoas participantes deben presentar obras orixinais e inéditas cun mínimo de oito páxinas e un máximo de 14.
Fonte: La Vanguardia
Case 200 estudantes participan no Concurso de Redacción en Éuscaro organizado polo Concello de Elgoibar
Un total de 199 alumnos de Primaria, ESO, FP e Bacharelato participou no III Concurso de Redacción en Éuscaro, organizado polo Concello de Elgoibar, o que supón un récord de participación neste certame.
Fonte: El Diario Vasco
A Universidade de Zaragoza proporciona recursos dixitais para achegarse á literatura en aragonés
O Diploma en Filoloxía Aragonesa, título de posgrao impartido pola Universidade de Zaragoza, ofrece dez obras accesibles na rede para achegarse á literatura escrita en aragonés durante o confinamento.
Fonte: AraInfo
Música, charlas e podcasts danlle visibilidade á lingua aragonesa no #Nogarafest

A asociación Nogará Religada preparou a través das redes sociais #Nogarafest, co gallo da celebración, o día 23 de abril, do Día de Aragón. Diferentes actividades, como música ou charlas, serviron para visibilizar a lingua aragonesa durante tres xornadas.
Fonte: Aragón Musical
Ponse en marcha unha campaña para animar a facer a declaración da renda en éuscaro
O Concello de Elgoibar e a asociación Elgoibarko Izarra iniciaron unha campaña para animar a cidadanía a presentar a declaración da renda en éuscaro. O obxectivo é avanzar na normalización desta lingua en todos os contextos, tamén á hora de liquidar contas coa Facenda Foral.
Fonte: El Diario Vasco
O Concello de Valencia programa unha serie de actividades para celebrar o Día do Libro e promover o uso do valenciano
O Concello de Valencia preparou unha serie de propostas para celebrar o Día do Libro e fomentar o uso do valenciano no marco da actual crise sanitaria, que incrementou notablemente a presenza do Gabinete de Normalización Lingüística municipal nas redes sociais.
Fonte: NoticiasDe
Publícase a terminoloxía básica do coronavirus en lingua de signos catalá
A Dirección Xeral de Política Lingüística publicou a Terminoloxía básica da COVID-19 en lingua de signos catalá. O obxectivo desta publicación é dar a coñecer os principais termos e expresións relacionados con esta epidemia.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Ponse en marcha unha campaña de micromecenado para o estreo en catalán do videoxogo ‘Sword of the Necromancer’
A finais de 2020 estrearase o videoxogo Sword of the Necromancer en catalán, inglés e castelán. Para poder conseguir edicións físicas iniciouse un proxecto de micromecenado co que xa se conseguiu o 100 % do financiamento en 24 horas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín