España
Varios concellos do País Vasco presentan unha campaña para estudar en éuscaro en ciclos superiores
Os concellos de Buruntzaldea (Andoain, Astigarraga, Hernani, Lasarte-Oria, Urnieta eta Usurbil) asinaron en 2002 un convenio para traballar conxuntamente programas de éuscaro. En base a ese convenio, encóntrase o programa Proposta para a mellora da situación do éuscaro despois do Ensino Secundario Obrigatorio de 2008-2009.
Fonte: Diario Vasco
O Instituto Navarro del Vascuence-Euskarabidea proponse para 2012 aumentar un 3 % as matrículas escolares en éuscaro
Incrementar nun 3 % (do 48 % ao 51 %) as matriculacións escolares en modelos de éuscaro para o ano 2012 é unha das metas do Plan estratéxico de Euskarabidea (2009-2012), cuxo borrador se presenta ante o Consello Navarro do Éuscaro. Este documento recolle así mesmo aumentar un 115 % a dotación económica para prestixiar o éuscaro e facelo atractivo.
Fonte: Noticias de Navarra
O tradutor automático da Generalitat de Catalunya atendeu oito millóns de peticións en 2008
Os tradutores automáticos da web gencat da Generalitat catalá atenderon oito millóns de peticións en 2008, un número de consultas que pon de relevo a aposta da Secretaría de Política Lingüística para facilitar o coñecemento e o uso do catalán, segundo o seu secretario, Bernat Joan.
Fonte: ADN
Linguamón acollerá a Asemblea Xeral da Rede Europea para a Diversidade Lingüística
Do 15 ao 17 de xuño, Linguamón acollerá a II Asemblea Xeral da Rede Europea para a Diversidade Lingüística (NPLD, nas súas siglas en inglés), unha rede formada con distintas finalidades: promover as linguas faladas na Unión Europea, independentemente do seu grao de oficialidade ou do seu peso demográfico ou político, identificar as boas prácticas na xestión do multilingüismo e asesorar a nivel europeo en materia de políticas lingüísticas dirixidas a todas as comunidades de fala da Unión.
Fonte: Linguamón
O 66,5 % da poboación navarra cre que o ensino en éuscaro debería ofertarse en toda a comunidade
O 66,5 % da poboación cre que o ensino en éuscaro debería ofertarse en toda Navarra, mentres que o 14,2 % opina que debería reducirse á zona vascófona e o 8,7 % só ás zonas vascófona e mixta. Respecto aos modelos educativos, dous terzos das familias enquisadas matricularían o seu fillo en modelos con presenza do éuscaro (D, B e A), e destes o 26,3 % elixiría o D (integramente en éuscaro, agás a materia de lingua castelá).
Fonte: Noticias de Navarra
Inclúen o éuscaro nun proxecto europeo sobre a lingua en emerxencias
A Deputación Foral de Biscaia introduciu o éuscaro no desenvolvemento dun proxecto europeo para a formación no uso da devandita lingua dos membros dos servizos de emerxencia, sobre todo, os operadores das centrais de comunicacións (SOS Deiak, Bombeiros, Ertzaintza...).
Fonte: ADN
A nova base de datos Mercator sobre dereito e lexislación lingüísticos xa se pode consultar en internet
A nova base de datos de dereito e lexislación lingüísticos xa se pode consultar en internet (http://www.gencat.cat/llengua/bdjuridica). Esta base contén leis, disposicións, xurisprudencia, doutrina, bibliografía e outros documentos sobre dereito e lexislación lingüísticos, basicamente de Cataluña e España.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Confederación Estatal de Persoas Xordas e a Obra Social Caja Madrid promoverán o ensino da lingua de signos española
A Fundación da Confederación Estatal de Persoas Xordas e a Obra Social Caja Madrid asinaron un convenio de colaboración para a edición de materiais didácticos dirixidos ao ensino da lingua de signos española (LSE) como segunda lingua entre nenos e mozos oíntes.
Fonte: Europa Press
Os habitantes de nove municipios de Navarra piden deixar a zona non vascófona e pasar á mixta
A maioría dos habitantes de Aranguren, Galar, Noáin, Mañeru, Cirauqui, Villatuerta, Artazu, Belascoáin e Guirguillano consideran importante abandonar a zona lingüística non vascófona de Navarra para incorporarse á zona mixta. Así o reflicte a enquisa elaborada polo Departamento de Educación sobre a situación do éuscaro na Comunidade Foral en 2008.
Fonte: Diario de Noticias
O Tribunal Superior vasco suspende os decretos que dan prioridade ao éuscaro no ensino
Os decretos aprobados polo anterior Departamento de Educación vasco que fixaban o éuscaro como lingua principal nas etapas de Infantil e Bacharelato teñen os seus días contados. Xa o advertiu o novo Goberno autónomo e o Tribunal Superior vasco estreitou aínda máis o cerco ao suspender de maneira cautelar a aplicación de ambos nos artigos que fixan a lingua vasca como a vehicular na escola.
Fonte: El País
Boletín
Subscríbase ao boletín