España
CiU insta o Goberno a que garanta o uso das linguas cooficiais en todas as institucións da UE
O voceiro de Asuntos Exteriores de CiU no Congreso, Jordi Xuclà, reclamoulle ao Goberno que traballe no seo da Unión Europea para garantir o uso do catalán, éuscaro e galego en todas as institucións europeas. Na actualidade, aínda non é posible no Tribunal de Contas da UE.
Fonte: Europa Press
O Colexio de Periodistas de Cataluña pídelle a RTVE que non suprima o informativo vespertino en catalán
O decano do Colexio de Periodistas de Cataluña (CPC), Josep Carles Rius, envioulle unha carta ao presidente de Radio Televisión Española (RTVE), Luís Fernández, para pedirlle que non se suprima a desconexión de 20 minutos en catalán do informativo vespertino durante o mes de agosto por vacacións do persoal técnico.
Fonte: El Debat
A Universidade Nacional de Educación a Distancia ofertará entre as súas linguas a aprendizaxe de chinés
O Centro Universitario de Idiomas a Distancia (CUID), asociado á UNED (Universidade Nacional de Educación a Distancia), impartirá no vindeiro curso 2009/2010, un total de seis idiomas. Neste novo ano escolar amplíase a oferta de idiomas en tres máis: o francés, o chinés e o portugués. Ademais poderanse estudar as linguas xa impartidas ata este momento, como son o inglés, o galego e o alemán.
Fonte: La Voz de Galicia
O Concello de San Sebastián reedita 30.000 exemplares do dicionario de peto de éuscaro para turistas
O Padroado Municipal de Éuscaro de San Sebastián reeditou 30.000 exemplares do dicionario de peto no que se traducen a sete idiomas "palabras e frases elementais" en éuscaro tras "a grande acollida que tivo o pasado verán".
Fonte: Europa Press
Aragón reduce a «lingua histórica» a condición do catalán da Franxa
A pesar de ser recoñecidas como «linguas propias e históricas» da comunidade, o catalán e o aragonés non serán cooficiais nin será obrigatoria a súa aprendizaxe na escola. Que as linguas minoritarias de Aragón se regulasen administrativamente era unha das aspiracións do presidente de Aragón, o socialista Marcelino Iglesias, quen, ademais, é falante de catalán.
Fonte: El Periódico
A metade dos menores de 30 anos en Biscaia é bilingüe
A última enquisa sociolingüística revela que máis do 30 % dos habitantes de Biscaia é quen de expresarse tanto en éuscaro como en castelán. En 25 anos produciuse un incremento exponencial no número de persoas que dominan ambas as linguas. En 1981 só o 15,2 % dominaba os dous idiomas mentres que en 2006 a porcentaxe aumentou ata o 31,3 %.
Fonte: Deia
O Barça recoñece o catalán "como lingua propia"
A proposta de novos Estatutos que a Xunta Directiva do FC Barcelona someterá á aprobación da Asemblea de Compromisarios do próximo 19 de agosto quere introducir diferentes cambios. Un é o "recoñecemento estatutario do catalán como lingua propia do FC Barcelona e de utilización normal e preferente en todas as actividades do Club".
Fonte: E-Notícies
As especialidades de lingua asturiana están á espera dun ditame ministerial
O recoñecemento da especialidade de Lingua Asturiana, tanto na educación primaria, como na secundaria, está á espera dun ditame do Ministerio de Educación que o Principado confía en que se publique a principios do mes próximo.
Fonte: La Voz de Asturias
O PP valenciano defende que as materias en inglés facilitarán o acceso laboral
A portavoz de Educación do grupo parlamentario popular nas Cortes Valencianas, Maira Barrieras, destacou que a posibilidade de impartir diferentes materias en inglés, que está estudando a Generalitat Valenciana, "contribuirá á mellor formación dos estudantes valencianos e a que sexan máis competentes á hora de acceder ao mundo laboral".
Fonte: Levante
Case 9000 alumnos terán ensino bilingüe en setembro en Aragón
Cerca de 9.000 alumnos de infantil e primaria estudarán o vindeiro curso en dous idiomas, uns 1.500 máis dos que o fixeron o pasado. O Departamento de Educación ampliará en setembro o ensino bilingüe a dez escolas, coas que en total xa serán 48 as que impartan materias en inglés, francés ou alemán.
Fonte: Heraldo de Aragón
Boletín
Subscríbase ao boletín