España
Bátese o récord de matriculacións en éuscaro no País Vasco
Un total de 20.620 nenos de tres anos accederá a próxima semana ao sistema educativo vasco. Deles, 14.667 farano no modelo D. É dicir, o 71,1 % dos alumnos que entrará en infantil recibirá un ensino íntegro en éuscaro, fronte ao 69,9 % do exercicio anterior, o que supón un novo récord.
Fonte: El Correo Digital
O Tribunal Supremo avala que non se lles esixa perfil de éuscaro aos profesores interinos
O Tribunal Supremo rexeitou o recurso que interpuxo no seu día o Goberno vasco contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, na que censuraba a expulsión do sistema educativo dos profesores interinos que non puideron acreditar o perfil lingüístico 2 de éuscaro.
Fonte: El Correo Digital
Aumentan en 257 os grupos que ofrecen ensino en valenciano no curso 2009-2010
O conselleiro valenciano de Educación presentou o curso 2009-2010, que chegará a 766.332 matriculados nos diversos niveis da educación non universitaria. Polo que respecta ás liñas, neste curso haberá 3789 grupos en valenciano, 257 máis có ano pasado.
Fonte: Pàgina 26
O observatorio vasco Behatokia di que a oferta de emprego da Ertzaintza vulnera dereitos lingüísticos
Behatokia, o observatorio creado por Kontseilua, denunciou que a nova oferta de emprego da Ertzaintza "elude os dereitos lingüísticos dos euscaldúns". Dos 260 novos axentes previstos na convocatoria, tan só 108 teñen como preceptiva a acreditación do primeiro perfil de éuscaro.
Fonte: Diario Vasco
Impulsan unha iniciativa lexislativa popular para legalizar TV3 na Comunidade Valenciana e dar espazo comunicativo ao catalán
Sindicatos, partidos e asociacións impulsan unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para conseguir a legalización das emisións da canle autonómica catalá TV3 na Comunidade Valenciana e "cambiar as regras do xogo no Estado Español" para que linguas como o catalán, o galego e o éuscaro dispoñan dun espazo comunicativo definido.
Fonte: Europa Press
Coalición por Melilla reclama a volta do informativo en lingua tamazight da televisión pública
En marzo, Televisión Melilla (TVM) recuperaba o informativo en lingua tamazight, que Coalición por Melilla (CpM) levaba bastante tempo esixindo. Porén, desde hai dous meses este espazo xa non se volveu emitir, algo que este partido considera un "atropelo".
Fonte: Melilla Hoy
O Servizo de Linguas da Universidade Jaume I inicia unha nova campaña de ´Matricúlate en valenciano´
O Servizo de Linguas e Terminoloxía da Universidade Jaume I inicia unha nova campaña para promover que os estudantes elixan o profesorado que imparte clase en valenciano e a mesma opción lingüística no impreso de matrícula, así como para aumentar o uso da lingua propia.
Fonte: El Periódico Mediterráneo
A Junta de Castilla y León cre que o ensino do galego debe recollerse na nova Lei do Bierzo
A Junta de Castilla y León quere implicar o Consello Comarcal a través da articulación na futura Lei do Bierzo de todo o relativo á promoción da lingua galega.
Fonte: InfoBierzo
O vicepresidente catalán e o síndico de Arán asinan un convenio de colaboración para impulsar a lingua occitana
O vicepresidente da Generalitat de Catalunya, Josep Lluís Carod-Rovira, e o síndico de Arán, Francés Boya, asinaron un acordo de colaboración co obxectivo de impulsar o uso, difusión e coñecemento da lingua occitana, idioma que segundo o novo Estatuto catalán é oficial na comunidade, informou a Generalitat nun comunicado.
Fonte: Qué
Dous de cada tres secretarios xudiciais valencianos descoñecen o valenciano
Dous de cada tres secretarios xudiciais destinados nos xulgados da Comunidade Valenciana descoñecen o valenciano. E ademais, o problema é que o terzo que o domina tampouco pode utilizalo de forma habitual nos escritos porque o sistema informático implantado pola Generalitat Valenciana só está en castelán.
Fonte: Levante
Boletín
Subscríbase ao boletín