España
O Senado reclama por unanimidade que a Administración estatal respecte a toponimia oficial galega
A Comisión de Cultura do Senado aprobou por unanimidade unha iniciativa presentada polo BNG e emendada polo PSOE, na que reclama que todos os ministerios e organismos dependentes da Administración central respecten a toponimia oficial galega.
Fonte: Europa Press
Unhas dez mil persoas falan aragonés na comunidade
Na actualidade son arredor de dez mil as persoas que falan o aragonés, sen contar un número indeterminado de aragoneses que, nos últimos anos, o aprenderon nun intento por impulsar unha lingua que corre o risco de desaparecer.
Fonte: Radio Huesca
O PNV pide cambiar ao éuscaro os nomes das tres provincias vascas
O Partido Nacionalista Vasco presentou unha proposición de lei no Congreso dos Deputados para cambiar ao éuscaro os nomes das tres provincias do País Vasco, de maneira que a partir de agora sexan coñecidas como “Araba-Álava”, “Gipuzkoa” e “Bizkaia” no canto de “Álava”, “Guipúzcoa” e “Vizcaya”.
Fonte: La Información
A Consellería valenciana de Educación reparte 5.000 guías de conversa de chinés e valenciano
A Consellería valenciana de Educación distribúe 5.000 exemplares da guía de conversa chinés-valenciano a través das oficinas de promoción do valenciano e as oficinas Tourist Info para promover este idioma entre os cidadáns de orixe chinesa que viven en territorio valenciano.
Fonte: El País
O Goberno vasco reitera que non se multará os comercios que non atendan en éuscaro
A conselleira de Cultura do Goberno vasco, Blanca Urgell, reiterou no Parlamento que o Goberno vasco eliminará a aplicación de multas aos comercios previstas no decreto de dereitos lingüísticos dos consumidores e usuarios que elaborou o anterior Executivo de Ibarretxe.
Fonte: El Correo
O vicepresidente de Cataluña insta o sector xurídico a utilizar a lingua catalá
O vicepresidente do Goberno catalán, Josep-Lluís Carod-Rovira, instou o sector xurídico a utilizar de maneira normalizada a lingua catalá. Ademais, destacou que a Generalitat "puxo ao alcance de todos todas as ferramentas necesarias" para un "uso correcto" da lingua no ámbito xurídico.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Catalunya presenta Canto.cat, unha ferramenta de promoción das linguas catalá e occitana
Canto.cat quere ser unha ferramenta de promoción das linguas catalá e occitana a través da música. A proposta consiste na organización de catro grandes concertos simultáneos en Xirona, Lleida, Reus e Vic.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Universidade Autónoma de Barcelona crea unha guía básica en liña para a comunicación en lingua de signos catalá
Investigadores de TransMedia Catalonia, grupo de investigación da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), elaboraron SIGNEM, o primeiro recurso de autoaprendizaxe en liña da lingua de signos catalá (LSC), que permite adquirir uns coñecementos básicos para comunicarse cunha persoa xorda.
Fonte: Universia
Bloque por Asturias propón crear a especialidade de profesor de asturiano
O Bloque por Asturias (BA) presentou na Xunta Xeral do Principado unha proposición para instar o Goberno de España á creación da especialidade de profesor de lingua asturiana.
Fonte: La Nueva España
Andalucía forma o seu persoal no uso da lingua de signos
A Consellería andaluza para a Igualdade e Benestar Social imparte un curso para formar no uso da lingua de signos a 15 empregados públicos adscritos a distintos servizos deste departamento, co obxectivo de proporcionar unha mellor atención ás persoas xordas.
Fonte: La Información
Boletín
Subscríbase ao boletín