España
O Consello Xeral de Arán crea un curso de aranés por internet
O Consello Xeral de Arán creou un curso en liña dirixido a todas as persoas que queiran aprender a lingua e non poidan asistir a clases presenciais. O curso é gratuíto e pódese acceder directamente desde a páxina web www.corsi.aranes.org.
Fonte: Qué
O Consello Superior de Linguas de Aragón xa ten os seus membros
O Boletín Oficial de Aragón publicou a listaxe dos quince membros que conformarán o Consello Superior de Linguas de Aragón. Estas persoas, elixidas polo Goberno autonómico, as Cortes e a Universidade de Zaragoza, deben ser seleccionadas entre filólogos, xuristas e destacadas personalidades da investigación lingüística.
Fonte: Aragón Digital
O Concello de Tolosa aposta por lograr un maior uso do éuscaro entre os máis novos
En virtude dun convenio, a Fundación Mintzola vai promover nos colexios de Tolosa, en colaboración cos profesores, un ambicioso proxecto piloto que se estenderá ao longo dos catro próximos cursos escolares. O obxectivo tanxible é dar cunha metodoloxía adecuada que garanta un maior e mellor uso do éuscaro entre os escolares.
Fonte: Diario Vasco
A Universidade de Almería traduce boa parte da súa web ao chinés
Desde a Universidade de Almería estase facendo nos últimos anos unha aposta clara pola súa internacionalización e promoción a través das novas tecnoloxías. Por iso, unha das accións que levou a cabo a Universidade foi a tradución dunha gran parte da súa web a chinés.
Fonte: Teleprensa
A Deputación de Álava promove a lectura de prensa en éuscaro
A Deputación de Álava destina 18.000 euros a fomentar a lectura da prensa en lingua vasca co obxectivo de acercar o éuscaro aos alaveses.
Fonte: El Correo
O Parlamento navarro insta o Goberno español á rotulación bilingüe do aeroporto de Pamplona
O pleno do Parlamento de Navarra aprobou unha moción que insta o Goberno de España a que rotule en éuscaro e en castelán as instalacións do aeroporto de Pamplona-Noáin.
Fonte: ABC
Un estudo cuestiona a formación en inglés que ofrecen as universidades
As diferenzas e disparidades na oferta de cursos de inglés nas universidades e na avaliación dos seus resultados académicos fai que sexa "cuestionable" asegurar que todos os alumnos alcancen un nivel de lingua estranxeira suficiente para un mercado laboral máis globalizado e competitivo.
Fonte: La Vanguardia
A Universidade Pompeu Fabra lanza en internet un dicionario fonético en catalán para xornalistas

A Universidade Pompeu Fabra (UPF) de Barcelona lanzou o novo dicionario fonético en liña reSOLC-mitjansCAT para que xornalistas e asesores de medios de comunicación audiovisuais poidan consultar a pronuncia correcta das palabras en catalán.
Fonte: Europa Press
O leonés impartirase este curso no dobre de colexios que o último ano
O leonés impartirase este curso no dobre de colexios que o último ano. A actividade extraescolar que recibe o nome oficial de ‘Llingua y Cultura Llïonesa’ arranca en 16 colexios da cidade de León fronte aos oito centros en que se impartiu clase no período escolar 2009/2010.
Fonte: La Crónica de León
A Consellería vasca de Cultura desenvolverá o primeiro tradutor automático de éuscaro público e gratuíto
O Goberno vasco decidiu que o éuscaro necesita unha ferramenta útil e verdadeiramente eficaz, que potencie a súa presenza en internet e a súa difusión por todo o mundo. Así que nos próximos dous anos desenvolverá o que será o primeiro tradutor público e gratuíto, dirixido tanto a administracións públicas como a estudantes e profesionais.
Fonte: El Correo
Boletín
Subscríbase ao boletín