España
A Real Academia Española e a Obra Social La Caixa crean unha biblioteca de clásicos españois
A Real Academia Española (RAE) e a Obra Social de La Caixa crearon unha biblioteca clásica que reunirá 111 títulos da literatura en español, desde o Cantar del Mío Cid ata Los Pazos de Ulloa, de Emilia Pardo Bazán. A colección estará coordinada polo académico e catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, Francisco Rico.
Fonte: La Vanguardia
A Generalitat de Catalunya edita unha guía para axudar ás empresas a incorporar os aspectos lingüísticos
O mercado catalán expresa unha sensibilidade para recibir produtos, servizos e a comunicación na lingua propia por parte das empresas, mesmo coa valoración positiva de persoas que orixinariamente non falan catalán, que consideran un acto de normalidade a presenza desta lingua no mercado. Malia isto, existe un fallo no mercado, xa que a oferta de produtos en catalán por parte da iniciativa privada é insuficiente, tendo en conta as características lingüísticas da poboación e as súas preferencias.
Fonte: Avui
A Academia Valenciana da Lingua reclama estimular o uso do valenciano a través dos medios de comunicación
A Academia Valenciana da Lingua (AVL) destacou a necesidade de impulsar os medios de comunicación en valenciano, especialmente Televisión Valenciana, para conseguir que esta lingua gañe “un espazo máis amplo no ámbito social”.
Fonte: ABC
A Rioxa e Euskadi difundirán o patrimonio común do castelán e do vasco
A Fundación rioxana San Millán de la Cogolla e a Universidade do País Vasco asinarán un convenio para investigar e difundir o patrimonio emilianense referido ao pasado común de ambos os territorios e á historia das linguas castelá e vasca.
Fonte: ABC
A Dirección Xeral de Tráfico comprométese a adaptar o manual de tráfico e un glosario específico á lingua de signos
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) comprometeuse a adaptar o manual de tráfico á lingua de signos española, así como un glosario específico co obxectivo de facilitar o acceso ao permiso de conducir á comunidade de persoas xordas, segundo informou a Confederación Nacional de Xordos (CNSE).
Fonte: Europa Press
O Senado estrea o uso das linguas cooficiais
O Senado deu un paso histórico coa estrea do uso das linguas cooficiais na Cámara que, malia o seu carácter territorial, ata agora vetaba esta posibilidade aos seus representantes.
Fonte: Público
O PSOE oponse ao uso no Congreso das linguas cooficiais
O PSOE oponse, co apoio do PP, a que o uso das linguas cooficiais, que se estreou o pasado día 18 de xaneiro no Senado, se estenda á Cámara baixa, como queren os nacionalistas.
Fonte: La Voz de Galicia
O Consello Xeral de Arán e a Universidade Autónoma de Barcelona promoven o aranés a través do teatro en Barcelona
O Consello Xeral de Arán e o Arquivo Occitano da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) promoverán o aranés en Barcelona mediante un obradoiro de teatro nesta lingua.
Fonte: Europa Press
A Deputación de Biscaia crea unha comisión para apoiar as asociacións que traballan a favor do éuscaro
O Consello de Goberno da Deputación Foral de Biscaia acordou crear a comisión “Euskara Bizia” co fin de apoiar as asociacións que traballan a favor do éuscaro neste territorio histórico e coordinar as actuacións.
Fonte: Europa Press
O 91 % dos empregados públicos vascos non supera a proba de perfil de éuscaro
A última convocatoria de exames para obter o perfil lingüístico de éuscaro na Administración vasca bateu todas as marcas de suspensos. Dos 814 traballadores de diferentes institucións e organismos públicos que se presentaron para acreditar algún nivel, suspendeu o 91,2 %.
Fonte: Diario Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín