España
O diario “La Vanguardia” lanza a súa esperada edición en catalán
O diario “La Vanguardia” sae na súa edición en catalán o martes 3 de maio despois de 130 anos de editarse só en castelán e con 200.000 exemplares para a súa venda, dobrando así a edición habitual do xornal.
Fonte: El Mundo
O Goberno navarro e a Universidade de Navarra asinan un convenio para impulsar a formación en éuscaro de futuros xornalistas
O acordo pretende mellorar e ampliar a formación dos estudantes universitarios, potenciando as prácticas nos medios de comunicación que utilizan o éuscaro para a difusión dos seus contidos.
Fonte: 20 minutos
Xarxa Vives publica a guía de cursos de verán en lingua catalá para 2011
A asociación de universidades sen ánimo de lucro, Xarxa Vives, publicou a guía de cursos de verán para 2011 na que se recollen máis de 750 cursos de formación para todos os interesados en ampliar os seus coñecementos.
Fonte: ABC
A Consellería de Educación de Andalucía estende o modelo de bilingüismo aos centros concertados
A Consellería de Educación ten previsto aprobar en xuño a nova orde que regula os centros bilingües na comunidade. Entre as novidades que se inclúen está a posibilidade de que os centros concertados se adhiran a este programa de fomento dos idiomas.
Fonte: El País
Preséntanse as medicións das políticas lingüísticas realizadas por 66 concellos do País Vasco
Kontseilua, o Consello dos Organismos Sociais do Éuscaro, presentará os resultados da medición das políticas lingüísticas realizadas en 2010 en municipios de todo o territorio vasco.
Fonte: Noticias de Álava
Unha investigación da Universidade de Xaén revela a existencia de ata 92 idiomas en Xaén capital
Un equipo de investigadores da Universidade de Xaén determinou que na capital desta provincia, de aproximadamente 120.000 habitantes, se falan 92 linguas diferentes.
Fonte: Europa Press
Canal 9 estrea un espazo sobre usos populares do valenciano en clave de humor
Canal 9 estrea o programa “Trau la Llengua”, un espazo que se centrará, facendo uso do humor, na cultura e, especialmente, na lingua valenciana, utilizando como base as súas palabras e expresións populares.
Fonte: ABC
Só dúas de cada dez familias vascas utilizan o éuscaro para comunicarse
Preguntados pola lingua na que acostuman falar habitualmente coa familia, o 77% dos vascos responde que “única ou principalmente” en castelán. O 11% faino en éuscaro e castelán indistintamente e outro 11% principalmente en éuscaro, co que son só dúas de cada dez familias as que utilizan esta lingua.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
España premia a sete colexios bilingües dos Estados Unidos pola súa promoción do español
O ministro de Educación de España premiou a sete colexios bilingües dos Estados Unidos pola súa promoción da lingua e a cultura españolas a través de programas de inmersión na educación primaria e secundaria.
Fonte: European Pressphoto Agency
Os docentes estremeños poderán obter a habilitación lingüística en idiomas estranxeiros
O Executivo autorizou o decreto polo que se regula o procedemento para a obtención da habilitación lingüística para profesorado de centros públicos de educación infantil, primaria e secundaria para postos catalogados bilingües.
Fonte: Región digital
Boletín
Subscríbase ao boletín