España
Os alumnos andaluces melloran en idiomas e escalan ata un notable
O alumnado andaluz de Primaria e Secundaria acada en idiomas puntuacións equivalentes a notable, segundo o informe das probas de avaliación de diagnóstico correspondente ao curso 2010/2011, que incluíu por primeira vez a valoración da competencia lingüística en linguas estranxeiras.
Fonte: Ideal
Os medios de comunicación en éuscaro de Navarra non terán axuda
A comisión de Educación do Parlamento foral votou en contra dunha moción que instaba o Goberno de Navarra a dotar os medios de comunicación en éuscaro dos “recursos necesarios" para empregar esta lingua de forma “habitual e progresiva”.
Fonte: Diario de Navarra
O PSOE esixe intérpretes para xordos nos institutos de Aragón
O Grupo Parlamentario Socialista preguntou ao Goberno aragonés cando pensa renovar o convenio para que os alumnos xordos de diferentes institutos de Aragón conten con intérpretes de lingua de signos.
Fonte: ABC
Tres institutos de Madrid permiten rematar o Bacharelato coa dobre titulación dos Gobernos español e francés
Tres institutos da Comunidade de Madrid ofrecen aos alumnos de Bacharelato a posibilidade de finalizar os seus estudos conseguindo unha dobre titulación dos Gobernos español e francés, en virtude do programa ‘Bachibac’ que este ano comezou a súa andaina na rexión.
Fonte: La Vanguardia
A Generalitat de Catalunya insta os médicos a que falen en catalán
A Generalitat insta a todos os empregados da sanidade pública a falar en catalán durante a súa xornada laboral. Os servizos territoriais de saúde de Tarragona distribuíron un protocolo de 12 páxinas que obriga a todos os facultativos a falar entre eles nesta lingua e a dirixirse tamén en catalán aos pacientes.
Fonte: El País
A plataforma aragonesa Non Falamos Catalán manifestarase para protestar contra a Lei de linguas
A plataforma aragonesa Non Falamos Catalán manifestarase en Zaragoza para esixir a supresión de calquera referencia ao catalán na Lei de linguas de Aragón, así como para a renovación do Consello Superior de Linguas de Aragón.
Fonte: La Voz Libre
Unha asociación pídelle á Consellería valenciana de Educación que inclúa o portugués no sistema plurilingüe
A Asociación Cultural Espaituga demanda a presenza da lingua e cultura portuguesas dentro do sistema educativo valenciano “ao mesmo nivel que outras linguas estranxeiras como o francés, o alemán e o italiano”.
Fonte: La Vanguardia
O Concello granadino de Maracena ensina árabe aos nenos marroquís para que non esquezan a súa lingua materna
O Concello de Maracena, en Granada, Cruz Vermella e a Asociación Dar el Farah (Casa da Alegría) puxeron en funcionamento clases de árabe que se dirixen, principalmente, aos máis pequenos, co obxectivo de que non esquezan a súa lingua materna e poidan empregala de forma correcta.
Fonte: La Información
O Goberno balear pon fin ao uso preferente do catalán e blinda o bilingüismo
O Goberno balear non derrogará a Lei de normalización lingüística vixente en Baleares desde 1986, aínda que modificará oito dos seus artigos co fin de asegurar o bilingüismo en todos os ámbitos da Administración.
Fonte: El Mundo
O Parlamento de Navarra rexeita considerar a proposta para ampliar a educación en éuscaro
O Parlamento de Navarra rexeitou a toma en consideración da proposición de lei para modificar a Lei do éuscaro e ampliar á zona non vascófona a posibilidade de estudar en éuscaro en centros públicos.
Fonte: ABC
Boletín
Subscríbase ao boletín