España
Detectan erros nos carteis de sinalización en éuscaro da Volta a España
O trato do éuscaro na Volta a España deixou imaxes como a de varias vallas indicando a saída de Pamplona en lingua vasca coas palabras “hirico irteera”, en lugar de “hiriko irteera”.
Fonte: Noticias de Navarra
Colectivos locais de Elxe denuncian que na cidade se marxina o valenciano
A Plataforma polo Uso do Valenciano en Elxe acusou o Concello desta localidade de marxinar a lingua autóctona en todos os sentidos. A plataforma, integrada por cinco colectivos, puxo en evidencia a política lingüística municipal e manifestou que, tanto no día a día, como na imaxe corporativa, a nivel institucional e toponimia, o actual equipo de goberno amosa unha falta de interese total por este tema.
Fonte: Diario Información
O Concello de Donostia ofrecerá cursos de éuscaro dirixidos aos profesionais do comercio e a hostalería
O Servizo de Éuscaro do Concello de Donostia ofrecerá cursos de éuscaro dirixidos especialmente aos profesionais do comercio e a hostalería, e que comezarán en outubro.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
O Instituto da Lingua de Castela e León reforzarase como centro de transferencia de coñecemento da lingua española
O Instituto da Lingua de Castela e León (ILCYL) pretende reforzar o seu papel como centro de transferencia do coñecemento do español ao sector produtivo. Por este motivo, proxectou para o próximo curso académico máis de 70 actividades, practicamente unha por semana, en diversos puntos da comunidade.
Fonte: ABC
O curso escolar comeza nas escolas infantís de Pamplona con só dous centros que ofrecen éuscaro
As trece escolas infantís do Concello de Pamplona abriron as súas portas para 1134 alumnos do ciclo 0-3. O servizo en éuscaro segue limitado a dous centros da zona da Chantrea.
Fonte: Noticias de Navarra
O centro que difunde as linguas ibéricas non inclúe as asociacións valencianas da lingua
O Espazo das Linguas Ibéricas e Prehispánicas, que promoverá a riqueza lingüística de España e Portugal, estará integrada pola Generalitat de Cataluña, a Xunta de Galicia, o Instituto Vasco Etxepare Euskal Institutua, o Instituto Camões portugués e o Euskarabidea-Instituto Navarro do Éuscaro, ademais do Instituto Cervantes e a Fundación Xeral da Universidade de Alcalá. Non hai, pois, nin rastro da Generalitat Valenciana a través da Academia Valenciana da Lingua ou da Consellería de Cultura nesta institución.
Fonte: Levante-emv
O chinés e o xaponés son as linguas máis demandadas polos españois tras o inglés
O xaponés e o chinés son as linguas máis demandadas polos españois que queren aprender ou perfeccionar outro idioma despois do inglés, segundo un estudo do portal de intercambio de idiomas likelanguage.com.
Fonte: Noticias de empresas
Os asistentes aos cursos de español para estranxeiros da Universidade de Zaragoza duplicaron os de 2011
O número de alumnos que asistiron este verán aos cursos de español que imparte a Universidade de Zaragoza en Jaca (Huesca), os máis antigos de España, “case duplicou” o do ano anterior dado que foron 110 fronte aos 60 da edición de 2011.
Fonte: El Correo
O Concello de Llodio destina 35 400 euros a axudas para estudar éuscaro
Os veciños de Llodio que se decidan a estudar éuscaro este curso van contar con bolsas para facelo, como xa vén sendo habitual nos últimos anos, para poder sufragar parte dos gastos da matrícula.
Fonte: El Correo
O Goberno de Navarra subvencionará con 50 000 euros o Servizo de Intérpretes de Lingua de Signos
O Goberno de Navarra subvencionará con 50 000 euros o Servizo de Intérpretes de Lingua de Signos da Asociación de Persoas Xordas de Navarra (ASORNA), composto por profesionais titulados. ASORNA comprométese a cambio a facilitar a calquera persoa xorda ou oínte de Navarra, e a calquera entidade pública ou privada que o solicite, un intérprete de lingua de signos.
Fonte: Diario de Navarra
Boletín
Subscríbase ao boletín