España
A Dirección Xeral de Tráfico cambia o valenciano polo inglés nos paneis da autovía durante o verán
Os responsables de Tráfico na Comunidade Valenciana impulsaron unha campaña de prevención de incendios forestais desde os paneis electrónicos de autovías e autoestradas nos que o valenciano (lingua que adoita alternar co castelán nas mensaxes habituais destes dispositivos que informan de accidentes próximos ou condicións climatolóxicas adversas á condución) se sacrificou en beneficio do inglés.
Fonte: Levante-emv
A iniciativa voluntaria para aprender idiomas Valencia Language Exchange acada os 7000 participantes
Valencia Language Exchange é unha iniciativa voluntaria que comezou no ano 2008 da man de sete aventureiros de diferentes nacionalidades. Apaixonados polos idiomas, xuntáronse para poder intercambiar culturas e aprender linguas estranxeiras. O boca a boca fixo que aos dous días fosen máis de 30 e agora xa chegan a superar as 7000 persoas. Expandíronse a varios países e aumentaron a frecuencia e os puntos de encontro.
Fonte: Las Provincias
O Departamento de Éuscaro de Irún abre o prazo para solicitar bolsas de aprendizaxe ou mellora do éuscaro
O Departamento de Éuscaro do Concello de Irún abriu o período de solicitude dirixido ás persoas que estudaran éuscaro no curso 2012-2013 (de outubro de 2012 a setembro de 2013). Para ter acceso a estas axudas hai que ter cumpridos os 16 anos e poderanse beneficiar ata os estudantes que acaben os seus curso con data de 30 de setembro de 2013.
Fonte: Diario Vasco
As escolas de idiomas de Aragón ofrecerán o título de nivel avanzado superior por primeira vez
A partir do próximo curso académico, os alumnos poderán obter por primeira vez a titulación de Nivel C1 nas escolas oficiais de idiomas de Aragón. Este título equivale ao nivel avanzado superior, onde o estudante entende case todo do idioma seleccionado, ata as expresións idiomáticas e, salvo erros ocasionais, o seu nivel achégase ao da lingua materna, ata en situacións de maior complexidade.
Fonte: El Periódico de Aragón
Un grupo de avogados denuncia un veto ao catalán nos xulgados do municipio castellonenco de Vinaroz
O secretario dos xulgados de Vinaroz (Castelló) esixe unha copia traducida ao castelán das demandas que se presentan en catalán,segundo denunciaron os avogados das Terras do Ebro. Do contrario, advírteselles aos avogados de que os seus escritos non serán admitidos, como se constata desde o Colexio de Avogados de Tortosa.
Fonte: Las Provincias
A Universidade Rovira i Virgili e a Universidade de Xirona son as que ofrecen máis clases en catalán
A Universidade Rovira i Virigili e a Universidade de Xirona lideran a clasificación de centros universitarios nos que máis clases se dan en catalán, co 94,3 % e o 93 % da súa docencia neste idioma, respectivamente, no curso 2011-2012. Así o recolle un informe da Xarxa Vives de Universitats, que tamén indica que as universidades catalás concentran a maior porcentaxe de clases neste idioma.
Fonte: Europa Press
Un grupo de cordobeses e estranxeiros residentes na cidade imparten clases gratuítas de idiomas en Córdoba
Varios días á semana, un grupo de cordobeses e estranxeiros residentes na cidade imparten clases solidarias de idiomas a todo aquel que se queira unir e aprende unha nova lingua. A única premisa: querer aprender ou ensinar un idioma sen intercambio algún de diñeiro.
Fonte: El Diario
O Concello de Pamplona convoca as axudas pola asistencia a cursos de éuscaro
O Concello de Pamplona convocou, en réxime de competencia competitiva, as axudas a veciños da cidade pola asistencia a cursos intensivos de aprendizaxe do éuscaro en réxime de internado (barnetegis) durante 2013.
Fonte: Diario de Navarra
Organizan unha cadea humana na ponte que separa Aragón e Cataluña para defender a unidade do catalán
A ponte do río Algars, que separa Aragón e Cataluña, servirá de nexo de unión dun dos sinais de identidade da Franxa, a súa lingua materna. O obxectivo da cadea é mostrar desconformidade coa nova Lei de linguas de Aragón e apoiar os que defenden a subsistencia do catalán na zona.
Fonte: La Comarca
A Junta de Andalucía amplía e reforza a rede de centros bilingües educativos da provincia de Granada
A delegada territorial en Granada de Educación, Cultura e Deporte da Junta de Andalucía, Ana Gámez, informou de que a rede de centros bilingües que existe na provincia de Granada crecerá o curso que vén coa adhesión de novos centros á rede de centros bilingües, ampliación de etapas bilingües noutros que xa pertencen a esta rede e a oferta de novo ensino plurilingüe para o próximo curso escolar 2013/2014.
Fonte: El Economista
Boletín
Subscríbase ao boletín