España
O 97,1 % dos cataláns comprende o catalán, unha "lingua viva" con tendencia á alza
O 97,1 % da poboación adulta residente en Cataluña maior de 14 anos entende o catalán –fronte ao 95,2 % de 2011-, mentres que un 84,3 % o sabe falar -73,2 % en 2011-, e o 70,1 % o sabe escribir -55,8 % en 2011-, uns datos que revelan unha tendencia á alza nos diversos ámbitos de coñecemento que fan do catalán unha “lingua viva”, segundo se desprende do ‘Informe de política lingüística de 2012’.
Fonte: La Información
O Concello de Oiartzun impulsará o uso do éuscaro entre hostaleiros e comerciantes
O Concello asinou un convenio con Ttur-ttur Euskaltzaleon Bilgunea para impulsar o uso do éuscaro nos comercios e a hostalaría da zona. O obxectivo do curso é aprender a manter conversacións correntes coa clientela, segundo detallaron os organizadores.
Fonte: Diario Vasco
O Departamento de Cultura apoia proxectos de entidades e empresas que promoven o uso do catalán
O Departamento de Cultura, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, apoiou 66 proxectos de entidades e 14 proxectos de empresas que promoven o uso da lingua catalá en Cataluña.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O éuscaro en Meatzaldea avanza sen pausa e dunha forma decidida
Nos últimos 30 anos, o desenvolvemento de lingua vasca en Meatzaldea foi espectacular dada a preponderancia que o castelán tiña, non só na rúa senón especialmente no ámbito do ensino e da administración. Unha situación que, sen présa, pero sen pausa, vai revertendo grazas ao empeño dos euskaltzales que, co decidido apoio dos programas e actividades postos en marcha polas institucións, xera novos espazos onde o éuscaro pode superar o marco educativo e converterse en lingua de uso cotián.
Fonte: Deia
En 2014 o Principado de Asturias terá un fondo para comprar libros en asturiano
Alejandro Calvo, viceconselleiro de Cultura do Principado de Asturias, asegurou que, aínda que o sector libreiro está en crise, desde o Principado son optimistas co futuro do libro en papel. O viceconselleiro dixo que en 2013 se destinaron 300 000 euros á compra de libros por parte do goberno rexional e nos orzamentos de 2014 vaise incluír tamén un fondo para a compra de libros en asturiano.
Fonte: Asturnews
O Centro de Normalización Lingüística da Lingua de Signos Española examina o uso desta na televisión española
O Centro de Normalización Lingüística da Lingua de Signos Española, CNSE, está levando a cabo un estudo sobre a calidade da lingua de signos para as persoas xordas na televisión. O propósito do cuestionario é coñecer a opinión das persoas xordas sobre a interpretación á lingua de signos dispoñible nos programas de televisión. A información proporcionada a través do cuestionario permitirá mellorar a accesibilidade aos programas de televisión en lingua de signos española.
Fonte: Diario Signo
O Goberno vasco investirá 1,3 millóns de euros en 2014 na normalización lingüística do persoal de Xustiza
O Goberno vasco destinará 1,3 millóns de euros o próximo ano á normalización lingüística do persoal da Administración de Xustiza, co obxectivo de garantir o dereito da cidadanía a relacionarse en éuscaro.
Fonte: Te Interesa
O Goberno valenciano quere que TVE amplíe a programación territorial en valenciano nesta comunidade
Actualmente, a actividade informativa de TVE na Comunidade Valenciana redúcese á desconexión territorial das 14 horas de luns a venres. Un telexornal de menos de media hora, que ten unha segunda entrega de sete minutos ás 16 horas, á cola da edición nacional. Aí remata a oferta de TVE en lingua propia.
Fonte: Levante-emv
A Dirección Xeral de Política Lingüística ofrécelle formación de catalán ao persoal da Axencia Tributaria estatal
A Dirección Xeral de Política Lingüística do Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña, en colaboración co Consorcio pola Normalización Lingüística, ofrece cursos de catalán ao persoal da Axencia Estatal de Administración Tributaria a través da contorna de aprendizaxe Parla.cat.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O Concello de Donostia dará axudas para 2515 estudantes de éuscaro
O Servizo de Éuscaro do Concello repartirá este ano 292 000 euros entre os 2515 donostiarras que realizan distintas actividades para a aprendizaxe do éuscaro. As subvencións van dirixidas non só a cursos de inverno en euskaltegis, senón tamén a grupos especiais para pais, comerciantes ou xubilados, para desempregados ou para inmigrantes.
Fonte: Diario Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín