España
Asinan un convenio de colaboración para fomentar a difusión e investigación da lingua de signos española
O Real Padroado sobre Discapacidade, a través do Centro de Normalización Lingüística da Lingua de Signos Española (CNLSE), e a Universidade de Castela-A Mancha asinaron un convenio de colaboración dirixido a fomentar a difusión e investigación da lingua de signos española.
Fonte: Discapnet
O Ministerio de Educación esixiralles aos bolseiros Erasmus máis nivel de idioma
A secretaria de Estado de Educación, FP e Universidades, Montserrat Gomendio, anunciou que as bolsas para o programa Erasmus Plus que financiará o Ministerio –un total de 10 000- esixiralle ao estudante ter un nivel de idioma B2 (equivalente ao First Certificate da Universidade de Cambridge) e ter aprobados un mínimo de 60 créditos na carreira.
Fonte: 20 minutos
O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña fixa o uso do castelán como lingua vehicular en cinco escolas nun 25 %
O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña resolveu fixar unha porcentaxe mínima do uso do castelán como lingua vehicular nas escolas de Cataluña en base á “doutrina consolidada do Tribunal Supremo" sobre o “dereito dos alumnos ao uso do castelán no ensino dos que si o reclamaron”.
Fonte: La Vanguardia
Os condutores dos autobuses donostiarras deberán acreditar que poden atender os viaxeiros en éuscaro
Os novos condutores da empresa municipal Dbus deberán acreditar que saben atender os viaxeiros en éuscaro, polo que o exame de acceso terá unha parte en lingua vasca e outra, en castelán.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Volve o programa ‘Berriketan’ para a inmersión lingüística de inmigrantes
O Concello de Eibar porá en marcha unha nova edición do programa Berriketan, co que se quere brindar á cidadanía a oportunidade de coñecer os distintos países de orixe das persoas participantes no programa e, á súa vez, dar a oportunidade á persoa emigrada de coñecer os costumes, anécdotas e feitos históricos de Eibar, mentres se practica o idioma (castelán ou éuscaro) dunha forma lúdica.
Fonte: Diario Vasco
A Xunta pola Defensa do Asturiano presenta un requirimento para que se cumpra a legalidade en materia toponímica
A Xunta pola Defensa da Lingua Asturiana (XDLA) presentou un requirimento ante a Consellería de Presidencia para que se cumpra a legalidade vixente en materia toponímica, ao tempo que denuncia como exemplo máis dun centenar de incumprimentos no Boletín Oficial do Principado de Asturias e na web do Principado.
Fonte: Asturnews
Andoain concede premios por sacar o carné de conducir en éuscaro
Os mozos Mikel Arribillaga García e Garbiñe Guedejo Ezenarro recibirán un premio de 400 euros da Mancomunidade de Buruntzaldea por realizar en éuscaro o carné de conducir. Os premios inclúense dentro do programa 'Gidabaimena Euskaraz' no que participan 10 autoescolas da comarca e 135 alumnos.
Fonte: Diario Vasco
A Academia Valenciana da Lingua define o catalán como a lingua que se fala na Comunidade Valenciana
A Academia Valenciana da Lingua (AVL) establece no seu Dicionario Normativo que o catalán é unha «lingua románica falada en Cataluña, así como nas illas Baleares, o departamento francés dos Pireneos Orientais, o Principado de Andorra, a franxa oriental de Aragón a cidade sarda de l’Alguer, onde recibe o nome de valenciano, e a Comunidade Valenciana».
Fonte: ABC
Desenvolven aplicacións en éuscaro para móbiles e tablets co obxectivo de fomentar a lingua entre a mocidade
Os móbiles e as tablets convertéronse nunha das plataformas de ocio preferidas pola mocidade vasca. Porén, a maioría das aplicacións só están en inglés ou castelán. Ante a falta de aplicacións en éuscaro, a compañía Virtualware desenvolveu cinco videoxogos para promover e difundir o uso do idioma entre o público infantil e xuvenil.
Fonte: Diario Vasco
O Ministerio de Educación acepta certificar o nivel de idiomas ao fin de cada etapa educativa
O Ministerio de Educación aceptou a proposta da Comunidade Valenciana para que a nova Lei orgánica de calidade educativa (LOMCE) recoñeza o nivel de idiomas dos alumnos ao final de cada etapa educativa superada e que se certifiquen os niveles de competencia na primeira lingua estranxeira cursada polo alumnado.
Fonte: La Red Comarcal
Boletín
Subscríbase ao boletín