España
A gala dos Premios Goya 2014 retransmítese en lingua de signos española a través de internet
A XXVIII edición dos Premios Goya, que organiza anualmente a Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España, pode seguirse en directo en lingua de signos española a través da páxina web de RTVE www.rtve.es, segundo informa o Centro de Normalización Lingüística da Lingua de Signos Española (CNLSE).
Fonte: Telecinco
Tres de cada catro empregados municipais de Donostia son capaces de atender en éuscaro
O Concello donostiarra emprendeu unha campaña dirixida aos seus traballadores para animalos a que a súa primeira palabra cos cidadáns sexa en éuscaro. Na actualidade o 73 % dos 1397 empregados municipais (incluídos os de organismos autónomos) son euscaldúns e o Goberno municipal espera seguir ampliando esa porcentaxe.
Fonte: Noticias de Gipúzkoa
O programa de éuscaro Berbetan lanza unha nova convocatoria en Eibar
Aquelas persoas que queiran mellorar o seu éuscaro oral falando, ou as que queiran dedicar algo de tempo a charlar con estes para axudalos a soltarse, teñen a ocasión de participar no programa Berbetan que organiza Eta Kitto Euskara Elkartea. O obxectivo desta iniciativa é «ofrecerlles ás persoas que queiran mellorar a súa capacidade de falar en éuscaro, un lugar onde facelo de forma informal e nun ambiente distendido», sinalan desde a organización.
Fonte: Diario Vasco
O Goberno foral valora saber inglés para ser técnico ou xestor de Facenda e esquécese do éuscaro
O Goberno foral valora o coñecemento do inglés para traballar como técnico ou xestor de Facenda na Administración Pública de Navarra e, no entanto, non concede punto ningún por saber éuscaro, lingua cooficial en boa parte do territorio.
Fonte: Noticias de Navarra
Nace ycom.cat, o primeiro portal sobre internet en catalán
Trátase dun novo medio de información especializada no mundo dixital dedicado ás persoas e empresas interesadas nas redes sociais, a comunicación, as novas tecnoloxías e o mundo audiovisual.
Fonte: La Vanguardia
Alumnos de dúas ikastolas navarras gravan un vídeo a prol do éuscaro
Os alumnos de Iñigo Aritza Ikastola e Txioka Haur Ikastola de Alasua gravaron un vídeo clip a favor do éuscaro. Co título Euskara da Euskal Herri, colgouse na rede a pasada fin de semana. Desde entón, recibiu máis de 5000 visitas.
Fonte: Noticias de Navarra
A materia de Lingua Galega volve impartirse no Instituto Europa de Ponferrada
A materia de Lingua Galega volve impartirse no instituto Europa de Ponferrada, despois de que a Consellería de Educación da Junta de Castela e León a suprimise, ao inicio do presente curso escolar (2013-2014), nos dous cursos de Bacharelato.
Fonte: Infobierzo
Amplíase a oferta académica en éuscaro dentro do dobre grao de ADE + Dereito na Universidade de Bilbao
A Facultade de Dereito ampliará a súa oferta académica en éuscaro ao implantar materias neste idioma no dobre grao de Administración e Dirección de Empresas + Dereito do campus de Bilbao. A implementación realizarase a partir do curso 2014-2015, no primeiro curso e irase estendendo progresivamente aos cursos seguintes. O obxectivo é converterse en referencia na educación en éuscaro.
Fonte: Noticias Press
O Departamento de Cultura de Cataluña elabora unha publicación con dez razóns para usar o catalán no mundo dixital
O Departamento de Cultura elaborou a publicación 10 raons perquè els productes digitals parlin català, dirixida ás empresas do mundo dixital, no que propoñen dez argumentos sólidos polos que o catalán pode ser unha oportunidade de negocio e incrementar o potencial de captación de clientes.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Miles de persoas maniféstanse en Barcelona para defender o modelo de inmersión lingüística
Miles de manifestantes reuníronse nun acto convocado pola coordinadora de entidades cívicas e educativas Somescola diante do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña para defender o modelo de inmersión lingüística.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Boletín
Subscríbase ao boletín