España
Getxo fomenta que a mocidade saque o carné en éuscaro
O Concello de Getxo segue conxugando carné de conducir, xuventude e éuscaro. É por isto que o Consistorio axudará con 100 euros as persoas entre 17 e 23 anos que saquen o carné de conducir en éuscaro.
Fonte: Deia
O Goberno de Cataluña aproba a modificación da Lei do cine para promover o catalán no sector
O Goberno aprobou a modificación da Lei 20/2010, de 7 de xullo, do cine de acordo co ditame da Unión Europea polo que as películas europeas quedan excluídas das obrigas de dobraxe e subtitulación en lingua catalá previstas pola lei. A nova redacción fixa que a Generalitat si que poderá establecer mecanismos de axuda á dobraxe e subtitulado desas obras.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Varias asociacións de xordos de Estremadura traballan nunha lei de lingua de signos
A Federación Estremeña de Asociacións de Persoas Xordas (Fexas) está traballando nun texto normativo para impulsar na Asemblea de Estremadura unha lei autonómica de lingua de signos similar á que xa existe noutras comunidades autónomas que sirva para desenvolver na rexión a normativa estatal que se aprobou en 2007.
Fonte: Europa Press
Recoñecen o Instituto de Estudos Araneses como autoridade lingüística
A Generalitat e o Conselh Generau d’Aran celebraron o recoñecemento do Instituto de Estudos Araneses como academia lingüística en Cataluña da lingua occitana, chamada aranés no Val de Arán.
Fonte: La Vanguardia
O Departamento de Cultura de Cataluña asina un convenio para fomentar a lingua catalá no sector empresarial
O conselleiro de Cultura, Ferran Mascarell, e o presidente de PIMEC, Josep González, asinaron un convenio para establecer un marco de comunicación e de colaboración entre as dúas institucións no fomento da lingua catalá no sector empresarial, así como nas actividades e servizos de PIMEC en Cataluña.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O tradutor automático vasco dá o salto da web ao móbil
A conselleira de Educación, Cristina Uriarte, e o viceconselleiro de Política Lingüística, Patxi Baztarrika, presentaron a terceira fase do tradutor automático do Goberno vasco que traduce textos curtos (1500 caracteres) e páxinas web. Ademais, pódese usar desde o móbil con sistema operativo Android e IOS.
Fonte: Noticias de Álava
As axencias de viaxe catalás relacionan o uso do catalán coa mellora da atención ao cliente
As axencias de viaxe catalás consideran que o uso do catalán é vantaxoso para mellorar a atención ao cliente e para dar unha boa imaxe da empresa. Estes datos despréndense do estudo “Os usos lingüísticos nas axencias de viaxes” impulsado pola Dirección Xeral de Política Lingüística (DGPL), coa colaboración da Asociación Catalá de Axencias de Viaxes Especializados (ACAVe) e a Confederación de Comercio de Cataluña (CCC).
Fonte: Generalitat de Cataluña
Créase unha comisión específica de éuscaro en Eibar desligada da área de Cultura
O Concello de Eibar disporá a partir de agora dunha comisión asesora específica de éuscaro de forma que todos os temas relacionados coa lingua quedarán desligados do departamento de Cultura, área á que estaba adscrito ata agora, para pasar a ter un tratamento propio na nova comisión. Con esta decisión, o equipo de goberno pretende dar un novo impulso á promoción do éuscaro.
Fonte: El Correo
Case a metade dos alumnos cataláns remata a ESO sen saber escribir en inglés
O 44,6 % dos alumnos de Cataluña acaba a ESO sen apenas saber escribir en inglés. Así se recolle na última avaliación externa que fai a Generalitat para coñecer a evolución do alumnado de 4º da ESO e o funcionamento de sistema.
Fonte: Te Interesa
Máis do 36 % da poboación vasca sabe éuscaro e máis do 70 % dos menores de 20 anos é euscaldún
O 36,4 % da poboación de máis de cinco anos da Comunidade Autónoma Vasca sabe ben éuscaro actualmente, mentres que hai 30 anos era o 22 %, e máis do 70 % do grupo de poboación menor de 20 anos é euscaldún, tras ter “un crecemento espectacular”, dado que hai 30 anos non chegaba ao 20 %.
Fonte: La Información
Boletín
Subscríbase ao boletín