España
O laboratorio farmacéutico CINFA recibe un premio pola súa promoción do éuscaro no ámbito farmacéutico
O premio Feuseren Farnaburua, entregado pola Asociación de farmacéuticos euscaldúns, recaeu no laboratorio farmacéutico CINFA polo seu labor de impulso e promoción do éuscaro, con accións como a participación no Dicionario dixital de farmacia en éuscaro.
Fonte: Noticias de Navarra
O Concello de Palma de Mallorca pasará a comunicarse só en catalán
A nova corporación municipal de Palma de Mallorca utilizará o catalán como lingua exclusiva de comunicación, dado que é a de maior uso nos medios de comunicación baleares.
Fonte: Mallorca Confidencial
A provincia de Huelva contará con dous centros educativos bilingües máis o próximo curso
O próximo curso escolar, a provincia de Huelva contará cun total de 89 centros educativos bilingües, tras a incorporación de dous novos institutos de secundaria. De todos estes, a gran maioría imparte educación bilingüe en inglés, mentres que cinco o fan en francés.
Fonte: 20 minutos
Máis de 400 negocios comerciais uníronse á campaña “E ti, xogas en catalán?”
A campaña de promoción da lingua catalá “E ti, xogas en catalán?”, do Consorcio pola Normalización Lingüística, conta xa con 407 negocios adheridos, aínda que se espera que este número incremente de cara ao Nadal, cando a campaña acade o seu momento máis importante.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Plataforma pola Lingua inicia unha campaña para que os taxistas utilicen o catalán cos seus clientes
Esta campaña iniciada pola organización Plataforma pola Lingua ten como principais destinatarios os taxistas de nacionalidade estranxeira de Cataluña, aos que animan a utilizar o catalán cos seus clientes. Para logralo, entregáronlles un libro con frases útiles en catalán, español e inglés.
Fonte: ABC
Galicia, Euskadi e Cataluña reúnense en Bilbao para defender os intereses do multilingüismo

A Xunta de Galicia reuniuse en Bilbao cos responsables da política lingüística do Goberno vasco e da Generalitat de Cataluña. A xuntanza enmárcase no Protocolo de colaboración en materia de política lingüística asinado polos tres gobernos a prol da coordinación de esforzos na defensa dos intereses do multilingüismo no Estado e mais en Europa, así como do intercambio de experiencias relativas ás diversas áreas de traballo dos procesos de revitalización do galego, o éuscaro e o catalán.
Fonte: Xunta de Galicia
A rede social Twitter inclúe o dominio .eus
A rede social Twitter traballa para darlle ao éuscaro unha maior presenza coa inclusión do dominio .eus e os traballos en colaboración coa fundación PuntuEUS para recoñecer esta lingua e poder detectar os tuits escritos nela.
Fonte: EITB
A toponimia catalá conta cunha nova páxina web
O Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña, a través da Comisión de Toponimia, creou un novo espazo web para promover a toponimia catalá entre os cidadáns e os municipios.
Fonte: Generalitat de Cataluña
A literatura en éuscaro busca maior visibilidade a través dun premio de tradución
Este premio recoñecerá a tradución dunha obra literaria escrita e publicada orixinalmente en éuscaro. Está organizado polo Instituto Vasco Etxepare e Laboral Kutxa e dotado con 4000 euros.
Fonte: Diario Vasco
Iniciativa polo Asturiano denunciará a situación do asturiano ante a ONU
A situación da lingua asturiana en España chegará ata a ONU da man de Iniciativa polo Asturiano, que denunciará os ataques sufridos por esta lingua.
Fonte: Asturias 24
Boletín
Subscríbase ao boletín