España
O primeiro libro publicado en éuscaro ten xa unha versión adaptada para persoas cegas
Tras un acordo asinado en 2014 entre Euskaltzaindia e a ONCE, estas dúas organizacións van presentar edicións especiais para persoas cegas (en alfabeto Braille e sistema de audio Daisy) do primeiro libro escrito en éuscaro e dous números da revista Erlea.
Fonte: Europa Press
Publican o sétimo volume do Atlas lingüístico do dominio catalán
O Instituto de Estudos Cataláns publicou o sétimo volume do Atlas lingüístico do dominio catalán, que inclúe uns douscentos termos, mapas e fotografías e que amosa as diferenzas no vocabulario empregado no territorio.
Fonte: Lo Campus Diari
A policía recibirá formación en lingua de signos para garantir o acceso das persoas xordas aos seus servizos
A Dirección Xeral da Policía asinou un acordo coa Confederación Estatal de Persoas Xordas para mellorar a comunicación entre os axentes e as persoas con discapacidade auditiva. Entre as medidas incluídas atópanse cursos de formación en lingua de signos.
Fonte: La Vanguardia
Publican un libro de oracións en valenciano para promover esta lingua nas igrexas
O libro L'Oracional valencià, elaborado pola Academia Valenciana da Lingua e a Asociación Ecuménica dos Cristiáns polo Valenciano, busca o uso da lingua valenciana nas igrexas da comunidade.
Fonte: ABC
Reus celebra sesións de contacontos para fomentar a lectura en catalán entre os nenos
A actividade “Contos nas Prazas”, que tivo lugar en Reus, consiste en sesións de contacontos para nenos, co obxectivo de incentivalos a ler en catalán ademais de dar a coñecer os servizos ofrecidos polas bibliotecas. Esta iniciativa foi unha das gañadoras do Premio de Ideas para Promover o Uso do Catalán.
Fonte: Generalitat de Cataluña
As persoas xordas de Santander disporán dun maior servizo de interpretación de lingua de signos
O Concello de Santander vai ampliar a dispoñibilidade dos intérpretes de lingua de signos que forman parte do servizo gratuíto de interpretación para facilitar a comunicación das persoas xordas.
Fonte: El Diario Montañés
Presentan un novo dicionario para traducir frases feitas do español ao éuscaro
Este dicionario fraseolóxico foi desenvolvido pola Fundación Labayru e conta cunha versión en papel e outra en liña. Con el, a tradución de frases feitas do castelán ao éuscaro será máis sinxela.
Fonte: EITB
O alumnado de seccións bilingües de Murcia obtivo mellores resultados en materias de lingua e Matemáticas
Os alumnos de seccións bilingües de Primaria e Secundaria de Murcia obtiveron de media mellores resultados cós seus compañeiros non só en inglés senón tamén en Matemáticas e Lingua Española, nas probas de diagnose realizadas o pasado mes de maio.
Fonte: La Verdad
Unha trintena de institutos de Cataluña ofrece a posibilidade de cursar un terzo do Bacharelato en lingua francesa
Como parte do programa Batxibac, unha trintena de institutos autorizados de Cataluña ofrece aos estudantes de bacharelato a posibilidade de realizar un terzo do curso en lingua francesa ademais de estudar as materias de Lingua francesa e Historia de Francia.
Fonte: E-notícies
Unha asociación de pais e nais de Pamplona tramita unha denuncia para dispoñer de escolas en éuscaro
Un total de 466 pais e nais de Pamplona tramitaron unha demanda a través da plataforma Iruñeko Euskalgintza para demandar a presenza de escolas de infantil nos distintos barrios da cidade para que os seus fillos poidan estudar en éuscaro.
Fonte: Noticias de Navarra
Boletín
Subscríbase ao boletín