Galicia

TikTok veta unha campaña da Xunta co argumento de que o galego non é unha lingua admitida na plataforma

A Xunta de Galicia impulsou a campaña #aculturasegue co obxectivo de fomentar o consumo cultural debido ao impacto da pandemia da covid-19 no sector. Esta campaña estase a promover nas distintas redes sociais, pero non en TikTok, xa que esta plataforma non admite o galego.

Fonte: La Voz de Galicia

Elaboran un banco de recursos educativos en galego relacionados coa pandemia da covid-19

Alumnado da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago elaborou un banco de recursos educativos en liña relacionados coa pandemia da covid-19, clasificados segundo o nivel educativo.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Convócase a terceira edición dos Premios de podcasts en galego Xosé Mosquera Pérez "O vello dos contos"

O IES Rosalía de Castro e Arraianos Producións, coa colaboración doutras entidades, convocan estes galardóns cos que se busca estimular a presenza do galego nos arquivos sonoros dixitais e impulsar a creatividade e o talento radiofónico do alumnado.

Fonte: Código Cero

A Xunta de Galicia presenta un programa dirixido a tradutores/as para proxectar a literatura galega no exterior

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Residencia Literaria 1863, pon en marcha a primeira edición de “Residencia Xacobeo”, unha iniciativa coa que pretende impulsar o sector da tradución e contribuír á proxección exterior da literatura galega a través do apoio a tradutores literarios que vertan unha obra orixinalmente escrita en galego a calquera lingua do mundo.

Fonte: Galicia Press

Preséntase un novo capítulo de ‘Conseguiremos’, o proxecto da USC e a RAG para conectar a mocidade co galego

O novo capítulo de Conseguiremos está protagonizado polos músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne. Trátase dunha iniciativa que se enmarca no proxecto “Novas voces para a lingua” impulsado pola Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.

Fonte: Real Academia Galega

Miranda anuncia o desenvolvemento dun novo obradoiro de lingua e cultura galega dentro da Aula GaliciaAberta

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, anunciou a través dunha videoconferencia a incorporación dun novo obradoiro formativo ao programa Aula GaliciaAberta dedicado á lingua e a cultura galega.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Preséntase unha tese de doutoramento sobre vocabulario en galego vinculado cos equinos

O léxico da hipoloxía no galego oral é o resultado dunha investigación realizada polo filólogo Fernando Groba Bouza que pon en valor a grande importancia que o gando equino ten en Galicia e que recolle preto de 40 000 unidades denominativas.

Fonte: Universidade de Vigo

O certame 'Lingua de namorar' da Xunta actualízase con novidades en Instagram na súa décima edición

“Lingua de namorar”, o certame de declaracións de amor en galego na rede dirixido á mocidade que a Xunta de Galicia convoca cada febreiro, por medio das consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Política Social, chega á súa décima edición con novidades importantes. Baixo o lema #NamorarEnPandemia, incorpora unha nova categoría de premio exclusiva de Instagram (IG), ampliando así o seu alcance a unha das redes sociais máis empregadas pola xente nova.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A VIII Mostra do Entroido pon en valor as Xeneralas da Ulla para celebrar o carnaval no ensino

A VIII Mostra do Entroido, impulsada desde os equipos de dinamización da lingua galega de centros educativos co apoio da Xunta de Galicia, adapta a súa programación ao contexto derivado da covid-19 para seguir celebrando o carnaval no ensino e visibilizar e transmitirlle ao alumnado o importante valor patrimonial dunha das festas máis tradicionais de Galicia.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Un novo proxecto analiza o grao de cumprimento da Carta Europea para as Linguas Rexionais e Minoritarias

O proxecto CELMI, impulsado desde a Universidade de Vigo polo profesor Fernando Ramallo, consiste nunha base de datos que permite consultar o grao de cumprimento dos vinte e cinco estados que ratificaron a Carta Europea para as Linguas Rexionais e Minoritarias.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder