Galicia
O proxecto Brazolinda impulsa os xogos de mesa en lingua galega

Irimia Fernández é a persoa que está detrás do proxecto Brazolinda, co que pretende encher un oco que estaba baleiro no mercado: o dos xogos de mesa en galego. Ela mesma deseña e fabrica os xogos, que logo vende en feiras, tendas e escolas, cunha moi boa acollida entre o público.
Fonte: Galicia Confidencial
O Concello de Vigo fomenta a lectura en lingua galega a través do préstamo de libros na praia
Ao longo de todo o verán o Concello de Vigo está a impulsar a literatura en galego e a lectura nesta lingua grazas ao programa "Libros ao sol", unha iniciativa de préstamo de libros na praia que funcionará ata o 31 de agosto e que ata o momento contou coa participación de máis de medio millar de persoas.
Fonte: Concello de Vigo
O DOG publica a resolución das axudas para a edición de recursos didácticos curriculares en galego

O DOG publicou a resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística pola que se conceden subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Concello de Bueu organiza un programa de actividades de educación ambiental co que tamén pretende dinamizar o galego
As praias de Area de Bon e Portomaior acollerán un programa de actividades de educación ambiental nos ecosistemas do litoral e mariños destinados principalmente aos máis cativos. Con estes obradoiros preténdese dar a coñecer os espazos naturais de Bueu, así como promover o respecto polo medio, dinamizar o galego entre a mocidade, crear espazos para a comunicación e fomentar hábitos deportivos e saudables.
Fonte: Concello de Bueu
Ferrol e Narón acollen tres obradoiros de lingua de signos financiados pola Xunta de Galicia
Un total de tres obradoiros de lingua de signos de carácter gratuíto van impartirse en Ferrol e Narón, organizados pola Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF) coa colaboración dos concellos de ambas as localidades.
Fonte: La Voz de Galicia
O Concello da Coruña organiza a Festa do Apego para impulsar a socialización en lingua galega e a súa transmisión interxeracional
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza a Festa do Apego, que se desenvolverá o vindeiro sábado 1 de setembro e que está dirixida a nenas e nenos ata os seis anos. Esta iniciativa, enmarcada no proxecto Apego, ten como obxectivo impulsar a socialización en galego e a transmisión interxeracional desta lingua.
Fonte: Apego
Castrelo de Miño e Baños de Molgas contarán con persoal técnico de normalización lingüística

O Boletín Oficial da Provincia de Ourense publica a convocatoria, ao abeiro das axudas da Xunta de Galicia, dunha praza temporal de técnico/a de normalización lingüística para o agrupamento dos concellos de Castrelo de Miño e Baños de Molgas.
Fonte: CTNL
A Deputación da Coruña apoiará a programación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega
A Deputación da Coruña e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) asinaron un convenio de colaboración polo que a institución provincial destinará 30 000 euros para apoiar o programa de actividades que a AELG desenvolverá durante o ano 2018.
Fonte: Deputación da Coruña
Case 1500 rapaces e rapazas de estadía nos campamentos participaron no programa ‘O galego campa!’

Case 1500 rapaces e rapazas, de entre 9 e 17 anos, de estadía nos campamentos de verán de titularidade da Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Política Social, participaron ao longo dos meses de xullo e agosto na edición 2018 do programa de dinamización lingüística ‘O galego campa!’, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Preséntase no Festival Viñetas desde o Atlántico a revista de banda deseñada en lingua galega "A Viñeta de Schrödinger"
O pasado sábado 11 de agosto presentouse na Coruña o número 1 da revista de banda deseñada A Viñeta de Schrödinger, editada pola Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, no marco do Festival Viñetas desde o Atlántico.
Boletín
Subscríbase ao boletín