Galicia
O festival Revenidas convértese nun referente a prol da lingua galega

Vilaxoán acolleu a presentación da décimo quinta edición do festival Revenidas que se celebra os días 17, 18 e 19 de agosto, un referente a prol da lingua e a cultura galegas, así como doutras lingua faladas no resto do Estado español.
Fonte: Faro de Vigo
Pontevedra acolle un curso, organizado pola ONCE, onde persoas invidentes procedentes de varios países melloran o seu nivel de inglés
Mozos e mozas invidentes procedentes de Italia, Portugal e outros puntos de España acoden en Pontevedra a un curso de verán para perfeccionar o seu inglés organizado polo Centro de Recursos Educativos da ONCE.
Fonte: Faro de Vigo
A Mesa pola Normalización Lingüística colabora na festa da lingua da localidade cacereña de San Martiño de Trebello
A Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Vía Galego colaborarán coas organizacións que traballan a prol do galego nos lugares de Estremadura onde se fala esta lingua na celebración os vindeiros días 15, 18, 24, 25 e 26 de agosto dunha festa en San Martiño de Trebello.
O Orixe Festival de Caldas de Reis aposta pola cultura, a solidariedade e a lingua galega

Caldas de Reis acollerá o vindeiro 18 de agosto o Orixe Festival, un evento que combina música, literatura e solidariedade, o que o converte nun festival inclusivo que, ademais, involucra o tecido local, aposta pola lingua galega e organiza actividades paralelas dirixidas a todo tipo de públicos.
Fonte: Pontevedra Viva
Nace o Premio Otero Pedrayo para impulsar a investigación sobre paisaxe e patrimonio cultural en lingua galega

A Xunta de Galicia vai poñer en marcha o Premio Otero Pedrayo de ensaio co que pretende fomentar o coñecemento xeográfico e paisaxístico de Galicia así como impulsar a produción ensaística en lingua galega. Ademais, este galardón servirá para homenaxear a figura do intelectual ourensán e divulgar a súa traxectoria.
Fonte: Galicia Confidencial
A novela "Arnoia, Arnoia" converterase nun videoxogo con versións en galego, castelán e inglés
A novela de Xosé Luís Méndez Ferrín Arnoia, Arnoia transformarase en videoxogo co obxectivo de amosar a riqueza literaria e turística de Celanova e da provincia de Ourense a través dun formato innovador e interactivo. Ademais, o proxecto conterá versións en galego, español e inglés.
Fonte: Código Cero
O Galego Campa leva as súas actividades a quince campamentos durante o verán

Un verán máis, o programa de dinamización lingüística O galego campa! da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado chega aos campamentos de verán da Xunta de Galicia cos obxectivos de favorecer neles a actividade en galego e mais de facilitarlle ao monitorado formación e recursos para o desenvolvemento de dinámicas que animen os rapaces e rapazas a se expresar nesta lingua.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O proxecto Trasno anuncia unha nova versión para o galego do corrector ortográfico Hungspell

O proxecto Trasno, dedicado a traducir software libre ao galego, anunciou a nova versión de Hungspell para esta lingua, a número 18.07, denominada Francisco Mirás. Trátase dun corrector ortográfico que permite corrixir os textos en diversas aplicacións, ademais de ser a única ferramenta de corrección ortográfica de software libre con soporte para o galego.
Fonte: Mancomún
A Deputación da Coruña apoia o cine en galego cunha nova liña de axudas
A área de Cultura da Deputación da Coruña destina máis de 123 000 euros á distribución de contidos audiovisuais en lingua galega e que achegarán ao público trece filmes entre os que figuran Dhogs, A batalla descoñecida, Memorias dun home en pixama, A Estación violenta, Sicixia ou O soño de papá.
Fonte: Deputación da Coruña
Os XXV Premios de Publicidade en Galego incorporan un galardón extraordinario para centros educativos

Os Premios de Publicidade en Galego, que en 2018 acadan a súa XXV edición, incorporan este ano unha categoría extraordinaria que recoñecerá proxectos elaborados por alumnado de centros educativos e que se sumará ás catro que se viñan recoñecendo ata o de agora: radio, televisión, internet e prensa escrita. Os galardóns teñen como obxectivo promover a publicidade en lingua galega e encádranse nas directrices do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín