Galicia

Preséntase a primeira produción audiovisual galega con audiodescrición neste idioma

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela é o marco elixido para a presentación da curtametraxe ‘Illa de Pedra’, primeira produción audiovisual galega con audiodescrición en galego. Trátase dun sistema que permite a través da canle de audio engadir información adicional para que as persoas invidentes non perdan as accións ou detalles fundamentais da narración.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

O Goberno autónomo do Val de Aosta amosa o seu interese polas políticas lingüística, educativa e cultural da Xunta de Galicia

O Goberno rexional autónomo do Val de Aosta (Italia) amosou o seu interese polas accións que está a desenvolver a Xunta de Galicia en materia de política lingüística, educación e cultura.

Fonte: Xunta de Galicia

Subliñan a necesidade da presenza viva do idioma galego no mundo da ciencia e da técnica

A necesidade inescusable da presenza do idioma galego no mundo da ciencia e da técnica foi o fío condutor da xornada “Escribir de ciencia en galego”, celebrada no Consello da Cultura Galega. Non se trata de competir coa lingua franca actual, o inglés, no campo das revistas especializadas, pero si de aproveitar as posibilidades das publicacións divulgativas e pedagóxicas.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Convócase a segunda edición do Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña convocan a segunda edición do Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega.

Fonte: Universidade da Coruña

Xa está dispoñible en galego o Internet Explorer 9

Microsoft presentou unha actualización do Internet Explorer 9 que incorpora 53 idiomas adicionais, co que conta cun total de 93, o que o convertería no navegador web dispoñible en máis linguas, superando as 86 do Firefox 4, as 45 de Google Chrome 11, as 44 do Opera 11.0 e as 16 do Safari 5.

Fonte: Código Cero

Convócanse nove prazas en lectorados de galego de España, Italia, Alemaña e Portugal

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar nove prazas en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de España, Italia, Alemaña e Portugal.

Fonte: Xunta de Galicia

Os premios Lois Peña Novo recoñecen o traballo a prol do galego realizado polo Concello de Ames

Xa se coñecen os gañadores da XVII edición dos premios Lois Peña Novo. Un dos premios recaeu no Concello de Ames polo desenvolvemento dunha política lingüística dirixida ao fomento do uso do galego. Os outros dous premios foron para Alba Nogueira López, profesora de Dereito Administrativo, e Xosé Rodríguez Cruz, funcionario do Corpo Nacional de Policía na comisaría provincial de Ourense.

Fonte: Concello de Ames

Entréganse os premios Pedrón de Ouro 2011 que distinguen a persoas que defenden a lingua e a cultura galegas

A Fundación Pedrón de Ouro otorgou o premio homónimo á sindicalista galega Lidia Senra pola súa traxectoria a favor da defensa e promoción da cutura galega. Tamén foron designados como Pedrón de Honra os profesores da Universidade de Granada Andrés Pociña e Aurora López polas súas iniciativas en favor da lingua e cultura galegas.

Fonte: Galiciaé

A hostalería compostelá achégalles a lingua aos seus clientes a través da obra Relatos para noites de hotel

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou, en Santiago de Compostela, na presentación de Relatos para noites de hotel, unha obra que inclúe os dous textos premiados no I Certame Internacional de Relatos Pousadas de Compostela, en edición trilingüe galego, castelán e inglés.

Fonte: Xunta de Galicia

Nace Galegobook, unha biblioteca en liña de referencias sobre a lingua galega

Máis de cen obras de 90 autores son as primeiras referencias a que se poderá acceder e descargar dende un novo recurso, Galegobook, un proxecto sen ánimo de lucro que pretende ser un espazo onde publicar, compartir e conversar sobre un gran número de libros electrónicos que circulan pola rede sobre o galego (lingua, gramática, fonética, sociolingüística, manuais, terminoloxía...).

Fonte: CTNL

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder