Galicia

A executiva da RAG responsabiliza o Plenario da escolla de Filgueira Valverde

Nunha nota publicada no web da Real Academia Galega, a executiva desta institución aclarou que non tivo responsabilidade na escolla de Filgueira Valverde para o vindeiro Día das Letras Galegas. No texto, lémbrase que é o plenario da institución o que, cos seus votos, realiza a elección do homenaxeado, e indica que ningún dos membros da executiva avalou a candidatura de Filgueira.

Fonte: Culturagalega.org

O Teclado de Google para Android incorpora o galego entre as súas linguas

O blog Mallando no Android está a dar conta dunha interesante novidade dentro do sistema operativo móbil de Google, xa que a aplicación Teclado de Google actualizouse incorporando entre as súas novidades o soporte de galego, polo que xa non habería que recorrer a teclados alternativos para poder escribir na nosa lingua en dispositivos con Android.

Fonte: Código Cero

Vilagarcía de Arousa acolle a mostra conmemorativa das Letras Galegas "Nimbos de luz"

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva durante todo o mes de xullo a Vilagarcía de Arousa a mostra itinerante "Nimbos de luz", promovida pola Xunta de Galicia no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas deste ano.

Fonte: Xunta de Galicia

Un acto poético lembra a Rosalía de Castro no 129 aniversario do seu pasamento

A Fundación Rosalía de Castro organizou un acto poético na Casa da Matanza que lembrou a escritora no 129 aniversario do seu pasamento. No acto participaron José Manuel Blanco, Pepe Barro e o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero.

Fonte: Sermos Galiza

A Xunta mantén que o galego é maioritario en primaria e bacharelato

Tras a controversia xerada o pasado xuño polo estudo d'A Mesa pola Normalización Lingüística que amosaba a lingua propia do país relegada a un 2 % do ensino infantil das cidades e a reacción de, entre outras, a Real Academia Galega, o BNG interpelou o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, para instalo a revelar a información que o denominado decreto do plurilingüismo obriga a recompilar. O conselleiro asegurou que o galego é maioritario en primaria e bacharelato e está próximo a selo na ESO.

Fonte: Praza Pública

Xa se pode descargar a aplicación que permite ler "Sempre en Galiza" nos dispositivos móbiles

Co gallo do 70 aniversario da edición de Sempre en Galiza, o Consello da Cultura Galega e a Editorial Galaxia prepararon unha aplicación que permite coñecer en profundidade o libro de Castelao, ver a análise que del fixeron especialistas e explorar as propias imaxes que se conservan do político e artista galego.

Fonte: Culturagalega.org

O Centro de Linguas da Universidade de Vigo abre a matrícula para os cursos intensivos do mes de setembro

O Centro de Linguas da Universidade de Vigo ten xa a matrícula aberta para os cursos intensivos do mes de setembro, seis propostas formativas nas que se inclúen catro cursos de inglés, un de alemán e outro de portugués que se impartirán do 8 ao 19 de setembro na Facultade de Filoloxía e Tradución, agás o de portugués, que como é habitual se impartirá no Instituto Camões.

Fonte: Universidade de Vigo

Convócase o VI Premio de Tradución ao Galego de Textos Científico-Técnicos

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, convoca o VI Premio de Tradución ao Galego de Textos Científico-Técnicos co obxectivo de contribuír á dinamización, difusión e uso da lingua galega no ámbito científico.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Cultura e Educación resolve as axudas para a promoción do uso da lingua galega desde as entidades locais

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 7 de xullo de 2014 pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 14 de abril de 2014.

Fonte: Xunta de Galicia

Cultura destaca o sistema educativo para o equilibrio lingüístico e a adquisición de competencias nas dúas linguas oficiais

Na etapa de infantil, o 47,6 % dos grupos teñen o galego como lingua predominante, mentres que en primaria o peso da nosa lingua propia ascende ao 50,9 % do horario escolar. Cómpre lembrar que, malia a haber unha lingua predominante, a introdución da outra lingua cooficial en infantil queda garantida.

Fonte: Xunta de Galicia

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder