Galicia
Máis de cen representantes municipais asinan unha declaración de compromiso coa lingua galega

Máis de cen representantes municipais de diversas forzas políticas galegas comprometéronse publicamente coa defensa e a promoción da lingua galega. Nun acto celebrado en Santiago de Compostela, reivindicaron o seu papel na aplicación das leis e plans que amparan os dereitos lingüísticos.
Fonte: Galicia Confidencial
Danse a coñecer os proxectos galardoados co Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luis Franco
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo premiou catro estudantes na cuarta edición do certame Xosé Luis Franco, que promove o uso do galego no ámbito legal. Os traballos galardoados abordaron temas actuais e deles o xurado destacou o nivel técnico e lingüístico.
Fonte: Universidade de Vigo
A Xunta promove a lingua entre a mocidade de Castela e León con estadías en campamentos galegos

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou o alumnado de primaria dos centros do Bierzo que participan nunha nova edición das estadías organizadas no marco do Programa de promoción do galego desenvolvido polo Goberno de Castela e León e a Xunta de Galicia nos territorios limítrofes coa Comunidade.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Seminario de Onomástica ofrece catro vídeos sobre os topónimos dos lugares de procedencia das cantareiras homenaxeadas nas Letras Galegas
A Real Academia Galega conmemora o Día das Letras cunha serie de vídeos sobre a orixe dos topónimos vencellados ás cantareiras homenaxeadas. A iniciativa, coordinada polo Seminario de Onomástica, explora a etimoloxía dos nomes dos lugares onde naceron as informantes que nutriron o cancioneiro tradicional galego e ofrece unha ollada lingüística e cultural sobre Cerceda, Mens, Malpica e Muxía.
Fonte: Real Academia Galega
Colexios da Baña, Bueu, Cospeito, Ferrol, Laza, Malpica, Vedra e Vilagarcía gañan os premios do VII Concurso de Podcasts-Radio na Biblio

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar os gañadores do VII Concurso de Podcasts-Radio na Biblio, que convoca en colaboración coa Radio Galega. Oito centros educativos da Baña, Bueu, Cospeito, Ferrol, Laza, Malpica de Bergantiños, Vedra e Vilagarcía de Arousa álzanse cos galardóns deste certame, que nesta edición está dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, ás que se lle rende homenaxe co gallo do Día das Letras Galegas 2025.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta pon en marcha os cursos de lingua e cultura para persoas procedentes de fóra de Galicia

A Xunta porá en marcha nas vindeiras semanas os cursos destinados a impulsar o coñecemento e emprego do galego entre as persoas procedentes de fóra de Galicia, un dos grupos de poboación nos que incide o paquete de medidas elaborado ao abeiro do Pacto pola Lingua co obxectivo de incentivar o uso social do idioma.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Cámara galega aproba por unanimidade unha proposición non de lei para apoiar o uso do galego no Parlamento Europeo
O Parlamento de Galicia acordou por unanimidade solicitar que se permita empregar o galego no Parlamento Europeo, unha reivindicación que busca o seu recoñecemento oficial e o impulso do seu prestixio internacional.
Fonte: Galicia Press
López Campos anuncia a creación dun selo para impulsar o uso da lingua no ámbito socioeconómico

A Xunta de Galicia porá en marcha un selo de recoñecemento para impulsar o uso da lingua no ámbito socioeconómico. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no Parlamento de Galicia, onde compareceu a petición propia no Pleno para informar sobre a folla de ruta do seu departamento nos vindeiros meses. Neste senso, explicou que as empresas comprometidas co galego terán vantaxe na concesión de axudas e nos procedementos do Executivo autonómico. Para iso, tal e como informou, impulsarase a creación dun selo que poderá terse en conta nas convocatorias e que, ademais, servirá como criterio de desempate.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta premia o instituto Castelao de Vigo e o colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerdeda no concurso das Letras Galegas 2025 dedicadas ás cantareiras
A Xunta de Galicia deu a coñecer os centros educativos gañadores do concurso do Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e a poesía popular, que recaeron no colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerdeda, na Coruña, e no instituto Castelao, de Vigo.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Meaño súmase ao proxecto para analizar a presenza do galego nos camposantos
Meaño incorpórase ao proxecto «Palabra e memoria», que investiga o uso do galego nas lápidas. O estudo inicial nas parroquias de Simes e San Xoán revela unha presenza aínda minoritaria desta lingua, con cifras do 1,3 % e do 7,2 % respectivamente. Esta iniciativa, que naceu en Burela e se estendeu por Galicia, mostra unha tímida pero crecente apertura ao galego nos cemiterios.
Fonte: Faro de Vigo
Boletín
Subscríbase ao boletín