Galicia

A Universidade de Santiago publica un glosario de avaliación de tecnoloxías sanitarias

O Servizo de Normalización Lingüística da USC publicou a versión en galego do HTA Glossary, un dicionario multilingüe sobre avaliación de tecnoloxías sanitarias promovido por redes internacionais. Esta adaptación aproveitou os contidos en inglés, español e francés e incorporou equivalentes e definicións en galego. Ademais, creouse unha interface interactiva que mellora a consulta e permite actualizar o glosario constantemente, o que reforza a dispoñibilidade de recursos en galego no ámbito da saúde.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago revisa a primeira gramática de lingua galega en checo

A Universidade de Santiago de Compostela revisou e avalou a publicación da primeira gramática do galego en checo, escrita polo hispanista Bohumil Zavadil e publicada pola Universidade Carolina de Praga. A obra analiza a lingua desde unha perspectiva funcional-estrutural e aborda aspectos fonolóxicos, morfolóxicos e sintácticos, con exemplos literarios. Con esta obra contribúese á proxección do galego e ao fortalecemento dos vínculos académicos entre Galicia e a República Checa.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

O Concello de Santiago organiza obradoiros de acollemento lingüístico

Os obradoiros de acollemento lingüístico, dirixidos a persoas que queren aprender galego, son cursos presenciais que se desenvolven en quendas de primavera e outono, con 36 horas lectivas. Están abertos principalmente a persoas de outras comunidades lingüísticas, pero tamén a calquera adulta interesada no galego.

Fonte: Concello de Santiago de Compostela

Valentín García pon en valor a internacionalización das letras galegas a través da poesía

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da oitava edición do festival Alguén que respira!, unha cita organizada co apoio da Xunta de Galicia para poñer en valor o talento dos creadores galegos e a calidade das letras galegas a través da poesía.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A EGAP organiza un curso de documentación técnico-xurídica en galego

O Curso de redacción de documentos técnico-xurídicos en galego, organizado pola Escola Galega de Administración Pública, desenvolverase entre o 5 e o 19 de maio de 2025 na modalidade de teleformación.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Xunta convoca as probas para obter os certificados de lingua galega Celga nos seus catro niveis

A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2 3 e 4. Os exames realizaranse en maio de forma presencial e simultaneamente en Santiago de Compostela, Ponferrada e Madrid, cidade onde se retoma a súa realización despois de 11 anos.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta destina 350 000 € a colaborar cos concellos no impulso do uso da lingua galega

A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo para que as entidades locais soliciten as axudas destinadas a levar a cabo accións de promoción do uso da lingua galega, para o que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega 350 000 €.

Así, a convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia e aberta ata o 4 de abril, está dirixida a fomentar a prestación dun servizo lingüístico, ben mediante a súa creación ou co reforzamento dun xa existente, promovendo o desenvolvemento de programas de dinamización en concellos. Ademais, tamén se impulsa cos agrupamentos de municipios a incorporación de localidades de menos de 3000 habitantes que se poidan atopar con menos recursos para desenvolver estas tarefas.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Deputación de Pontevedra convoca axudas á dinamización do galego para os concellos

A Deputación de Pontevedra destina axudas de 150 000 euros para concellos de menos de 50 000 habitantes, co obxectivo de fomentar o uso do galego en 2025. As subvencións financiarán actividades de dinamización lingüística, estudos sociolingüísticos, campañas no comercio e recoñecementos a iniciativas en galego. O financiamento cubrirá ata o 75 % dos gastos de infraestruturas, servizos profesionais, publicacións, promoción e contratación artística.

Fonte: Deputación de Pontevedra

A revista LongaLingua comeza unha nova andaina en formato dixital

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Vía Galego recuperan LongaLingua, agora en formato dixital e podcast, baixo a dirección da xornalista Eva Fernández Prieto. A publicación ofrecerá análises de persoas expertas sobre a situación do galego en diversos ámbitos, acompañadas de videopodcast en plataformas como Spotify e YouTube.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Universidade de Vigo premia as escolas e as facultades que máis fomentan o uso do galego co distintivo “Gal Ego”

A Universidade de Vigo reforza o seu compromiso co galego coa segunda edición do selo “Gal Ego”, un distintivo que recoñece as facultades e escolas máis activas no uso da lingua en todas as súas actividades. Os centros galardoados recibirán unha insignia e unha axuda de 3000 euros para novas iniciativas lingüísticas, cunha vixencia de catro anos.

Fonte: Universidade de Vigo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder