Galicia

A Xunta convoca subvencións destinadas ás entidades locais para a compra de novidades editoriais en galego

As entidades locais teñen de prazo ata o 21 de febreiro para presentarse á convocatoria de subvencións para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Universidade de Vigo organiza un ciclo de cursos de galego para profesionais da tradución

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo ofrecerá en 2025 un ciclo de cursos especializados en lingua galega dirixido a profesionais da tradución e persoas interesadas en mellorar as súas competencias lingüísticas. Desenvolverase entre febreiro e abril e abordará temas como gramática, neoloxismos e ortotipografía. O programa busca resolver dúbidas prácticas non cubertas polos recursos lingüísticos convencionais.

Fonte: Neofalantes

Preséntase a terceira do proxecto «Modo galego, actívao» que se estenderá tamén aos centros de secundaria

Máis de 2500 nenos e nenas de Ames comprométense a empregar o galego en todos os ámbitos da súa vida cotiá grazas ao programa «Modo galego, actívao», impulsado pola Real Academia Galega e o Concello. Esta terceira edición, presentada no CEIP A Maía, abrangue por primeira vez o alumnado de secundaria e busca fomentar esta lingua de xeito lúdico co obxectivo de avaliar os resultados na recuperación de galegofalantes entre a xente nova.

Fonte: Real Academia Galega

O Concello de Vigo organiza un curso de escrita creativa en galego

O curso de escrita creativa de nivel 1, de 30 horas de duración, está dirixido a persoas que desexen iniciarse na escrita creativa en lingua galega e desenvolverase nos meses de febreiro e marzo de 2025 no Auditorio Mar de Vigo.

Fonte: Conselllo da Cultura Galega

Bota a andar o foro participativo a prol do galego organizado polo Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega lanza o «Foro participativo: un país coa súa lingua» para propoñer medidas que revitalicen o uso do galego. A iniciativa busca solucións prácticas e consensuadas baseadas nas fortalezas do idioma e está estruturada en seis mesas temáticas: educación e socialización; administración, xustiza e servizos públicos; sanidade, ciencia e servizos sociais; comunicación, cultura e acción exterior; economía, turismo e deporte; sociedade, crenzas e participación comunitaria. O proceso culminará en novembro cun documento final que orientará futuras accións para reverter a perda interxeracional de uso do galego.

Fonte: Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega presenta un informe sobre as linguas cooficiais en España

O informe Competencia e usos das linguas cooficiais en España. O galego en perspectiva comparada sinala que Galicia destaca en competencia e uso do galego fronte a outras comunidades con linguas cooficiais. Porén, alerta sobre unha preocupante perda interxeracional, cunha poboación máis nova que mostra os niveis máis baixos de frecuencia de uso e competencia, o que evidencia unha menor eficacia das políticas educativas en comparación co resto do Estado.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Vilalba acollerá o I Campus de Regueifa para fomentar a improvisación oral en galego

Vilalba acollerá o I Campus de Regueifa RegueiNov+s – Regueifesta do 17 ao 19 de xaneiro, dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 16 anos. Este evento busca fortalecer a regueifa como ferramenta cultural e lingüística a través de actividades como palestras, obradoiros..., que destacan o seu papel na normalización do galego.

Fonte: Neofalantes

Lánzanse dúas novas propostas de xogos de cartas en galego

A finais de 2024 chegaron ao mercado dous novos xogos de cartas en galego: Feminismos no Tempo, que engade unha terceira entrega sobre acontecementos do feminismo galego, e Máis Galiza no Tempo, centrado na historia de Galicia. Ambos os xogos inclúen 55 cartas e permiten combinar as novas barallas coas anteriores entregas de ambos os proxectos para crear unha experiencia de xogo unificada e enriquecida.

Fonte: Culturagalega

O CSIC publica un ano máis en galego o seu calendario científico escolar

O CSIC publica un ano máis o Calendario científico escolar 2025, dispoñible para a súa descarga, xunto con outros recursos didácticos, en 11 idiomas (entre os que se atopa o galego) e mais en braille.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Xunta de Galicia convoca axudas para empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego

A Secretaría Xeral de Medios publicou no DOG a convocatoria de subvencións para o ano 2025 dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder