Galicia

A Xunta e a CRTVG potencian contidos audiovisuais en galego dirixidos á infancia coa plataforma Xabarín.gal

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou na presentación das novidades de Xabarín.gal, unha nova plataforma de entretemento da CRTVG de contidos en galego dirixidos aos máis pequenos e pequenas coa que colabora o Goberno galego co obxecto, segundo salientou, “de incrementar o emprego da nosa lingua entre as xeracións máis novas”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A UNED de Pontevedra organiza un curso de lingua galega

Este curso de iniciación á lingua galega, organizado pola UNED de Pontevedra en colaboración co Concello de Ribadumia, está dirixido a público xeral sen coñecementos previos de galego. As sesións, de carácter presencial, desenvolveranse entre os meses de xaneiro e maio de 2025.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García valora o novo recurso en liña do Centro Ramón Piñeiro para xeorreferenciar os santuarios das Cantigas de Romaría

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, puxo en valor o novo recurso en liña do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades que xeorreferencia os santuarios evocados nas Cantigas de Romaría, unha modalidade das coñecidas como Cantigas de Amigo.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta colabora coa Fiscalía para favorecer o uso do galego na xustiza

A Xunta de Galicia e a Fiscalía Superior colaborarán para favorecer o uso da lingua galega no ámbito da xustiza. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos,  tras asinar un convenio co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, dando un paso máis, apuntou, “no proceso para prestixiar e normalizar o uso do galego nos distintos ámbitos da Administración pública”. Deste xeito, aos cursos que ofrecerá o Goberno para o persoal sanitario, úneselle tamén unha formación específica en lingua e cultura galegas para persoal da xustiza.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García dálle a benvida ao persoal bolseiro investigador que se incorpora ao Ramón Piñeiro

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, deulle a benvida no Pazo de San Roque ao persoal bolseiro investigador que se incorpora ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Universidade de Vigo lanza un ano máis un calendario para animar a comunidade universitaria a falar en galego

A Universidade de Vigo presenta o calendario 2025 da Área de Normalización Lingüística, deseñado polo humorista gráfico Luis Davila, que promove o uso do galego con humor e sensibilidade. A iniciativa, vinculada á campaña Galego de Tranquis, anima as persoas neofalantes a practicar a lingua con tranquilidade e sen medo a cometer erros. Distribuiranse 2000 exemplares impresos e a versión dixital xa está dispoñible.

Fonte: Universidade de Vigo

Valentín García destaca o uso do galego nos textos do Instituto Galego de Estudos Carballineses no seu 25 aniversario

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de presentación das publicacións do Instituto de Estudos Carballiñeses ao longo do ano 2024, onde destacou o uso do galego nestes textos no seu 25º aniversario e a colaboración da Xunta de Galicia.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Real Academia Galega publica un informe que alerta sobre o retroceso do galego e propón medidas para reverter esta evolución

A Real Academia Galega alerta nun informe do preocupante retroceso do galego como lingua habitual, especialmente entre a mocidade, segundo os últimos datos do IGE. O informe critica o incumprimento da Lei de normalización lingüística e apunta ao modelo educativo e ás políticas actuais como responsables da situación. Propón un novo Plan xeral de normalización da lingua galega, con medidas integradas, recursos orzamentarios e avaliación periódica, para reverter unha tendencia que, malia ser grave, considera aínda reversible coa implicación institucional e social.

Fonte: Real Academia Galega

Entréganse en Ames os galardóns da sétima edición do Premio Lingua e Empresa

A sétima edición dos Premios Lingua e Empresa de Ames galardoou a Lago Louro Avogados, polo seu uso consolidado do galego no ámbito xurídico, e a Tecidos Tolemia, pola incorporación recente da lingua nas súas relacións comerciais. A gala, celebrada no Milladoiro, contou con ampla participación empresarial e destacou o compromiso co galego como elemento de identidade e normalización lingüística.

Fonte: Concello de Ames

Resólvese o certame de subtitulación ao galego de vídeos de divulgación científica #traduceTED2024 convocado pola Universidade de Santiago

O certame #traduceTED2024 premiou a excelencia na subtitulación ao galego de charlas TED de divulgación científica. Na modalidade universitaria, Paola Costa Villanueva acadou o primeiro premio por subtítulos sobre materia invisible e tamén foi recoñecida co segundo premio por un traballo sobre matemáticas e cancro. Na categoría aberta, María Suárez Seijas gañou polo seu traballo sobre saúde das mulleres, mentres que Diego Rodríguez Vila obtivo o segundo posto por un proxecto de renaturalización da Terra.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder