Galicia

López Campos avanza no proceso do pacto pola lingua cunha reunión coa Real Academia Galega

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, mantivo unha xuntanza co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, continuando así coas reunións previstas ao redor do Pacto pola Lingua.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta e a USC promoven a participación do estudantado no Proxecto Nós cun crédito de libre configuración

O alumnado da Universidade de Santiago de Compostela que participe no Proxecto Nós obterá un crédito de libre configuración pola súa colaboración. Así o anunciaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o reitor da institución académica, Antonio López, nunha rolda de prensa para presentar esta iniciativa.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O Concello de Caldas organiza o concurso de curtametraxes “Un idioma de cine”

O concurso “Un idioma de cine”, organizado polo Concello de Caldas, anima a mozos e mozas galegos de ata 30 anos a crear curtametraxes en galego cunha temática vinculada co outono. Os traballos deben ser orixinais, durar entre 5 e 10 minutos, e poderán optar a premios de ata 700 €, incluíndo un galardón do público.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Convócase unha nova edición dos Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa e o comercio

A XV edición dos Premios Manuel Beiras, convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio, promove o uso do galego na empresa e no comercio baixo o lema "En galego, empresa/comercio + intelixente" e destaca a súa importancia na intelixencia artificial e nos negocios locais para reforzar a proximidade coa clientela. A convocatoria está aberta ata o 25 de novembro e a gala de entrega terá lugar o 2 de decembro no Teatro Principal, cunha campaña previa orientada a animar as empresas a participar e visibilizar o galego como recurso estratéxico no ámbito empresarial.

Fonte: Concello de Santiago de Compostela

López Campos apela a sacar o galego da confrontación política

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, volveu incidir no Pleno do Parlamento en que “o galego non debe situarse nun escenario de confrontación, senón en achegas en positivo que permitan seguir prestixiando e mellorando o seu uso social”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

López Campos continúa avanzando no pacto pola lingua cunha xuntanza coa Editorial Galaxia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse en Vigo co director da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, no marco das xuntanzas que está a manter para “seguir dando pasos que nos permitan avanzar de xeito firme cara á consecución dun Pacto pola Lingua”. Neste senso, considerou “esencial abrir este proceso a entidades como esta, tan relevante e senlleira para a lingua e literatura galegas ao longo dos seus 74 anos de historia”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta colabora co programa ‘Os trazos de Risco’ para homenaxear o autor no 140º aniversario do seu nacemento

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación do programa ‘Os trazos de Risco’, unha iniciativa que contará con cinco pezas audiovisuais para homenaxear a Vicente Risco coincidindo co 140º aniversario do seu nacemento. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración do Goberno galego e que afonda nas distintas facetas do autor.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Universidade de Vigo organiza unha nova edición do programa Tándem Lingüístico

A Universidade de Vigo retomou o programa Tándem Lingüístico, unha iniciativa que promove o intercambio de linguas entre a comunidade universitaria e o alumnado estranxeiro e que ofrece neste curso unha trintena de idiomas. O obxectivo é facilitar a práctica de linguas e fomentar a diversidade cultural mediante conversas informais.

Fonte: Universidade de Vigo

Valentín García anima a sociedade a formar parte do Proxecto Nós e dinamizar o uso do galego en espazos dixitais

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, achegouse á Estrada para acompañar a veciñanza na xornada de captación de voces no marco do Proxecto Nós levada a cabo pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Universidade de Santiago, para fomentar o uso do galego en espazos dixitais. Trátase dunha iniciativa posta en marcha ao abeiro do Proxecto Nós que ten por obxectivo recoller as diferentes variedades fonéticas e dialectais de Galicia.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Milleiros de persoas concéntranse en Santiago convocados pola plataforma Queremos Galego

Membros de diferentes colectivos reuníronse na compostelá praza da Quintana para denunciar a grave situación do galego, que definiron como "emerxencia lingüística extrema". Convocada pola plataforma Queremos Galego, a protesta subliñou a necesidade de mudanzas urxentes para garantir o futuro da lingua. Ademais, anunciaron unha nova mobilización na praza do Obradoiro o 23 de febreiro.

Fonte: Galicia Confidencial

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder