Galicia
Os centros educativos de Redondela poñen en marcha un reto para fomentar o uso do galego

Os centros educativos de Redondela, xunto co Concello, impulsan a iniciativa «Unha semaniña enteira» para fomentar o uso do galego entre a mocidade, coincidindo co Día de Rosalía. O proxecto reta o alumnado a falar galego durante unha semana completa e conta coa colaboración de clubs deportivos e asociacións locais, que difundirán a campaña nas súas actividades e redes sociais.
Fonte: Faro de Vigo
Denuncian a exclusión do galego do proxecto de lei de intelixencia artificial que prepara a Xunta
A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que o proxecto de lei de intelixencia artificial da Xunta exclúe o galego ao non prever o seu uso nos sistemas de IA que interactúan coa cidadanía. Critican a falta de medidas para garantir os dereitos lingüísticos nesta tecnoloxía e consideran que a iniciativa desincentiva o desenvolvemento de asistentes virtuais en galego.
Fonte: Galicia Confidencial
A RAG publica a versión dixital do volume que recolle as achegas da última Xornada de Onomástica Galega

A Real Academia Galega publicou en versión dixital o libro que compila as intervencións da IX Xornada de Onomástica Galega que se celebrou no Museo de Pontevedra no pasado mes de outubro e que estivo dedicada a "outros nomes", os que non designan persoas nin lugares.
Fonte: Real Academia Galega
O Concello de Narón edita unha guía de galego dirixida ás persoas que visitan a cidade

O Concello de Narón lanzou a guía En Narón, galego viaxeiro dirixida ás persoas que visitan a cidade e desexan iniciarse no uso da lingua galega. Este recurso, dispoñible en galego, español e inglés, ofrece vocabulario e frases prácticas para situacións cotiás, ademais de refráns e expresións populares. A iniciativa busca promover unha experiencia turística enriquecedora e pódese obter en varios puntos da localidade ou mediante descarga en liña.
Fonte: Concello de Narón
Xa están dispoñibles en liña as intervencións da décima edición da iniciativa LGx15
A décima edición do LGx15, unha iniciativa organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) para a difusión de ideas sobre o futuro do galego, celebrouse o pasado 26 de outubro de 2024 en Santiago de Compostela. As intervencións deste evento xa se poden ver na canle de Youtube da CTNL.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Residencia Xacobeo promove por primeira vez a tradución de obras galegas ao asturiano coa estadía de Inaciu Galán
A Residencia Xacobeo acollerá durante o vindeiro mes de marzo o asturiano Inaciu Galán, gañador da estadía na que levará a cabo o seu proxecto de tradución de obras galegas. Trátase da iniciativa que impulsan a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Residencia Literaria 1863 e que, por primeira vez, contará cun escritor da península que traballará nun proxecto de tradución ao asturiano.
Fonte: Xunta de Galicia
O audiolibro en galego comeza a súa andaina coa publicación da primeira incursión de Xerais neste formato

O mercado dos audiolibros medra en España, con máis de 9,3 millóns de persoas que optaron por este formato en 2023. En Galicia, Xerais acaba de lanzar o seu primeiro audiolibro, Pel de cordeiro de Ledicia Costas, mentres que Galaxia presentará tres obras destinadas ao público infantil e novas producións para adultos.
Fonte: Faro de Vigo
A Xunta convoca subvencións destinadas ás entidades locais para a compra de novidades editoriais en galego

As entidades locais teñen de prazo ata o 21 de febreiro para presentarse á convocatoria de subvencións para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Universidade de Vigo organiza un ciclo de cursos de galego para profesionais da tradución
A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo ofrecerá en 2025 un ciclo de cursos especializados en lingua galega dirixido a profesionais da tradución e persoas interesadas en mellorar as súas competencias lingüísticas. Desenvolverase entre febreiro e abril e abordará temas como gramática, neoloxismos e ortotipografía. O programa busca resolver dúbidas prácticas non cubertas polos recursos lingüísticos convencionais.
Fonte: Neofalantes
Preséntase a terceira do proxecto «Modo galego, actívao» que se estenderá tamén aos centros de secundaria

Máis de 2500 nenos e nenas de Ames comprométense a empregar o galego en todos os ámbitos da súa vida cotiá grazas ao programa «Modo galego, actívao», impulsado pola Real Academia Galega e o Concello. Esta terceira edición, presentada no CEIP A Maía, abrangue por primeira vez o alumnado de secundaria e busca fomentar esta lingua de xeito lúdico co obxectivo de avaliar os resultados na recuperación de galegofalantes entre a xente nova.
Fonte: Real Academia Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín