Galicia

Unha guía didáctica repasa a historia dos medios en galego

A Asociación de Medios en Galego (Amega) publicou unha guía didáctica para achegar o alumnado de secundaria á historia e á situación actual dos medios en lingua galega. A publicación, elaborada coa colaboración da Deputación da Coruña, combina coñecemento histórico e desafíos presentes, e promove o pensamento crítico sobre uso da lingua na comunicación.

Fonte: Deputación da Coruña

Ponse en marcha unha campaña para que a palabra “lubre” se incorpore ao dicionario da Real Academia Galega

A agrupación musical Luar na Lubre puxo en marcha unha iniciativa para que a Real Academia Galega recolla o termo “lubre” no seu dicionario, que designa un bosque sacro dos antigos druídas e que xa aparecía en vocabularios anteriores. Por este motivo, o grupo está na procura do apoio de diferentes entidades. O primeiro deles veu do alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen manifestou o seu apoio a esta campaña.

Fonte: Faro de Vigo

A Deputación da Coruña convoca unha nova edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Deputación da Coruña convoca a XVI edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que recoñece traxectorias e proxectos destacados na promoción do galego. O galardón conta con tres categorías: unha para persoas comprometidas coa promoción da lingua lingua, outra para entidades que fomenten o seu uso e unha terceira para proxectos de dinamización dirixidos á infancia e á mocidade. Cada premio está dotado con 5000 euros e o prazo para presentar candidaturas remata o 30 de abril de 2025.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Xunta entrega os primeiros documentos de traballo ao coordinador do Plan xeral de normalización da lingua galega

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, entregoulle ao coordinador do Plan xeral de normalización da lingua galega, Manuel González, os resultados da Enquisa sobre a percepción social do galego elaborada polo Instituto Sondaxe e que serán remitidos ás comisións do Plan “como ferramenta de traballo co obxectivo de ampliar o actual coñecemento sobre o uso e presenza do galego na sociedade”.  Trátase dun estudo composto por 1200 enquisas a familias residentes en Galicia con fillos en idade escolar nas etapas de primaria e secundaria.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta e Agadea convocan o IV Premio de Literatura Infantil ‘Simbad para o Recordo e o Alzhéimer’

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da IV edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer que conta co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de sensibilizar sobre esta doenza entre a cativada e establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta de Galicia e o Concello de Mos colaborarán en iniciativas de fomento do galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello de Mos avanzan en novas vías de colaboración para impulsar o galego, dinamizar a cultura e poñer en valor o patrimonio local. O conselleiro José López Campos reafirmou o compromiso de integrar Mos na estratexia do Pacto da Lingua e apoiar a súa programación cultural, especialmente a través da Rede Adival.

Fonte: La Voz de Galicia

A Universidade de Vigo convoca cursos de formación en lingua galega para a comunidade universitaria

A Universidade de Vigo abre a convocatoria dos cursos de formación en lingua galega para o segundo cuadrimestre do curso 2024/2025, organizados pola Área de Normalización Lingüística. A oferta inclúe seis cursos en modalidade en liña e centraranse en diferentes temas como  calidade lingüística, sociolingüística ou uso oral, entre outros.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Deputación da Coruña organiza unha nova edición do certame Quero Cantar para fomentar a creación musical en galego

A Deputación da Coruña convoca a oitava edición do concurso Quero Cantar que promove a creación musical en galego entre a infancia e a mocidade. Poderán participar solistas e grupos con cancións inéditas en dúas categorías: infantil e xuvenil. Os premios inclúen a gravación en estudio, videoclips e material cultural e a gala final terá lugar o 6 de abril no Teatro Colón da Coruña.

Fonte: Deputación da Coruña

López Campos aborda a normalización do uso do galego co decano do Colexio Notarial de Galicia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo hoxe un encontro co decano do Colexio Notarial de Galicia, José María Graíño, no marco dos contactos que está a ter o Executivo autonómico para fomentar e normalizar o uso do galego en distintos sectores profesionais, tanto a nivel interno como na súa relación coa cidadanía, co obxectivo de prestixiar o uso social do idioma.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Narón acolle a gala de entrega da VIII edición dos Premios Youtubeiras+

Os Premios Youtubeiras+ recoñecen a creación de contidos dixitais en galego. Na edición deste ano, resultaron galardoadas as canles Exército Mekemeke, Sara Seco, Orgullo Galego, Galiactiva, Rebelico Revista, Luís do Río e Prado Rúa. A iniciativa, promovida por concellos, universidades e a Deputación da Coruña, busca impulsar a presenza do galego nas redes sociais.

Fonte: Código Cero

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder