Galicia
A Universidade de Vigo publica un novo número da revista Cumieira con catro artigos sobre temas relacionados coa lingua galega
O Departamento de Filoloxía Galega e Latina publica o noveno número da revista Cumieira, dedicada a darlles visibilidade aos traballos de investigación de novas persoas investigadoras no campo dos estudos lingüísticos e literarios en galego. Este número inclúe catro artigos sobre distintos temas e unha recensión da novela histórica Ao sur da liberdade.
Fonte: Universidade de Vigo
López Campos apela a Castelao como “figura de unión entre todos os galegos e un dos símbolos de Galicia”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, apelou a Castelao como “figura de unión entre todos os galegos e galegas e un dos símbolos de Galicia”. Fíxoo durante a súa participación no acto de homenaxe polo 75 aniversario do pasamento do intelectual galeguista no Panteón das Galegas e Galegos Ilustres, ao que tamén asistiu o titular de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Deputación da Coruña e Orgullo Galego poñen en marcha unha iniciativa para fomentar o uso do galego nas redes sociais

A Deputación da Coruña e Orgullo Galego lanzan o programa «O galego e as redes sociais» para promover o uso desta lingua entre a mocidade a través de 20 obradoiros en centros de secundaria da Costa da Morte e Soneira. Este proxecto destaca a importancia das redes sociais como ferramenta de difusión e inspira a creación de contidos en galego que demostran como este idioma permite alcanzar audiencias globais.
Fonte: Deputación da Coruña
A Xunta facilita que case 300 alumnos de 23 institutos de toda Galicia acrediten o seu nivel de portugués de balde

Un total de 279 alumnos de 23 institutos de toda Galicia poderán acreditar de balde o seu nivel de portugués co apoio da Xunta. Son os seleccionados na nova convocatoria pola que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP facilita que os alumnos de centros que imparten lingua portuguesa poidan participar nas probas Camões Junior para certificar o seu nivel de competencias nesta lingua.
Fonte: Xunta de Galicia
O Ano Castelao xa conta con sitio web

Acábase de estrear o sitio web castelao2025.gal como punto central das actividades do Ano Castelao, que conmemorará o 75 cabodano do galeguista con eventos durante todo o ano en diferentes puntos de Galicia. As celebracións principais iniciaranse o martes 7 de xaneiro, data do pasamento de Castelao en Bos Aires en 1950, cun acto de homenaxe no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.
Fonte: Praza Pública
A Xunta aumenta un 29 % as axudas a proxectos para fomentar o galego no ensino preuniversitario

A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas a proxectos para o fomento do galego no ensino preuniversitario dotadas con preto de 500 000 euros, que supón un incremento de case o 29 % con respecto ás do pasado ano.
Fonte: Xunta de Galicia
A RAG lanza o espazo web do Ano das Letras Galegas 2025 dedicado ás cantareiras

A Real Academia Galega (RAG) inaugurou a web do Ano das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras, mulleres que preservaron e transmitiron a poesía popular oral en galego. O novo espazo, que acolle vídeos, artigos e fotografías, salienta o papel das cantareiras na creación de pontes entre a tradición e a vangarda, reivindicando a lingua galega e a música cantada para gañar novos galegofalantes.
Fonte: Praza Pública
A Residencia Literaria da Xunta impulsa o debut narrativo en galego de dúas autoras
A Residencia Literaria da Xunta na Cidade da Cultura facilitou que dúas autoras publicasen as súas primeiras novelas en lingua galega. Este programa busca apoiar a creación literaria en Galicia, ofrecendo espazos e recursos para que as escritoras e escritores desenvolvan os seus proxectos.
Fonte: Xunta de Galicia
O TSX de Madrid avala a denominación de "ría do Eo"
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ratifica que a ría entre Galicia e Asturias pode denominarse tamén "ría do Eo". A sentenza reafirma a oficialidade compartida entre esta denominación e a galega "ría de Ribadeo".
Fonte: Galicia Confidencial
A AGAL lanza “Agalinhas”, un proxecto de videocontos para a infancia

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) presentou Agalinhas, unha iniciativa que ofrece videocontos en galego-portugués para a infancia. O proxecto busca fomentar a creatividade e reforzar os vínculos de afecto coa lingua galega desde idades temperás.
Fonte: Portal Galego da Língua
Boletín
Subscríbase ao boletín