Galicia

A Xunta colabora coa Fiscalía para favorecer o uso do galego na xustiza

A Xunta de Galicia e a Fiscalía Superior colaborarán para favorecer o uso da lingua galega no ámbito da xustiza. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos,  tras asinar un convenio co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, dando un paso máis, apuntou, “no proceso para prestixiar e normalizar o uso do galego nos distintos ámbitos da Administración pública”. Deste xeito, aos cursos que ofrecerá o Goberno para o persoal sanitario, úneselle tamén unha formación específica en lingua e cultura galegas para persoal da xustiza.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García dálle a benvida ao persoal bolseiro investigador que se incorpora ao Ramón Piñeiro

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, deulle a benvida no Pazo de San Roque ao persoal bolseiro investigador que se incorpora ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Universidade de Vigo lanza un ano máis un calendario para animar a comunidade universitaria a falar en galego

A Universidade de Vigo presenta o calendario 2025 da Área de Normalización Lingüística, deseñado polo humorista gráfico Luis Davila, que promove o uso do galego con humor e sensibilidade. A iniciativa, vinculada á campaña Galego de Tranquis, anima as persoas neofalantes a practicar a lingua con tranquilidade e sen medo a cometer erros. Distribuiranse 2000 exemplares impresos e a versión dixital xa está dispoñible.

Fonte: Universidade de Vigo

Valentín García destaca o uso do galego nos textos do Instituto Galego de Estudos Carballineses no seu 25 aniversario

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de presentación das publicacións do Instituto de Estudos Carballiñeses ao longo do ano 2024, onde destacou o uso do galego nestes textos no seu 25º aniversario e a colaboración da Xunta de Galicia.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Real Academia Galega publica un informe que alerta sobre o retroceso do galego e propón medidas para reverter esta evolución

A Real Academia Galega alerta nun informe do preocupante retroceso do galego como lingua habitual, especialmente entre a mocidade, segundo os últimos datos do IGE. O informe critica o incumprimento da Lei de normalización lingüística e apunta ao modelo educativo e ás políticas actuais como responsables da situación. Propón un novo Plan xeral de normalización da lingua galega, con medidas integradas, recursos orzamentarios e avaliación periódica, para reverter unha tendencia que, malia ser grave, considera aínda reversible coa implicación institucional e social.

Fonte: Real Academia Galega

Entréganse en Ames os galardóns da sétima edición do Premio Lingua e Empresa

A sétima edición dos Premios Lingua e Empresa de Ames galardoou a Lago Louro Avogados, polo seu uso consolidado do galego no ámbito xurídico, e a Tecidos Tolemia, pola incorporación recente da lingua nas súas relacións comerciais. A gala, celebrada no Milladoiro, contou con ampla participación empresarial e destacou o compromiso co galego como elemento de identidade e normalización lingüística.

Fonte: Concello de Ames

Resólvese o certame de subtitulación ao galego de vídeos de divulgación científica #traduceTED2024 convocado pola Universidade de Santiago

O certame #traduceTED2024 premiou a excelencia na subtitulación ao galego de charlas TED de divulgación científica. Na modalidade universitaria, Paola Costa Villanueva acadou o primeiro premio por subtítulos sobre materia invisible e tamén foi recoñecida co segundo premio por un traballo sobre matemáticas e cancro. Na categoría aberta, María Suárez Seijas gañou polo seu traballo sobre saúde das mulleres, mentres que Diego Rodríguez Vila obtivo o segundo posto por un proxecto de renaturalización da Terra.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

A Xunta convoca o programa de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa convocan un programa para fomentar proxectos de innovación educativa na dinamización lingüística, dirixido a centros públicos durante o curso 2024/2025. Seleccionaranse cinco proxectos destacados, que recibirán unha axuda de 2000 euros cada un.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Valentín García pon en valor a creación de novas iniciativas para fomentar o galego entre os máis cativos

O secretario xeral da Lingua, Valentín García participou na presentación dos primeiros catro volumes da recompilación Os Bolechas. Colección Historia de Galicia, onde puxo en valor a creación de novas iniciativas para fomentar o galego entre os máis cativos. Trátase dunha proposta na que colabora a Xunta de Galicia con Edicións Bolanda, Caixa Rural Galega e a CRTVG, e que inclúe tamén a emisión de recursos audiovisuais a través da plataforma Xabarín.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Preséntase un informe sobre o uso do galego nas TIC

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia presenta o informe O galego nas TIC. Edición 2023,  un estudo que ten como obxectivo analizar o uso desta lingua nas novas tecnoloxías en función das características sociodemográficas da poboación e avaliar a oferta de recursos en galego no ámbito tecnolóxico.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder