Galicia
Convócase unha nova edición dos Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa e o comercio

A XV edición dos Premios Manuel Beiras, convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio, promove o uso do galego na empresa e no comercio baixo o lema "En galego, empresa/comercio + intelixente" e destaca a súa importancia na intelixencia artificial e nos negocios locais para reforzar a proximidade coa clientela. A convocatoria está aberta ata o 25 de novembro e a gala de entrega terá lugar o 2 de decembro no Teatro Principal, cunha campaña previa orientada a animar as empresas a participar e visibilizar o galego como recurso estratéxico no ámbito empresarial.
López Campos apela a sacar o galego da confrontación política
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, volveu incidir no Pleno do Parlamento en que “o galego non debe situarse nun escenario de confrontación, senón en achegas en positivo que permitan seguir prestixiando e mellorando o seu uso social”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
López Campos continúa avanzando no pacto pola lingua cunha xuntanza coa Editorial Galaxia
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse en Vigo co director da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, no marco das xuntanzas que está a manter para “seguir dando pasos que nos permitan avanzar de xeito firme cara á consecución dun Pacto pola Lingua”. Neste senso, considerou “esencial abrir este proceso a entidades como esta, tan relevante e senlleira para a lingua e literatura galegas ao longo dos seus 74 anos de historia”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta colabora co programa ‘Os trazos de Risco’ para homenaxear o autor no 140º aniversario do seu nacemento
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación do programa ‘Os trazos de Risco’, unha iniciativa que contará con cinco pezas audiovisuais para homenaxear a Vicente Risco coincidindo co 140º aniversario do seu nacemento. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración do Goberno galego e que afonda nas distintas facetas do autor.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Universidade de Vigo organiza unha nova edición do programa Tándem Lingüístico

A Universidade de Vigo retomou o programa Tándem Lingüístico, unha iniciativa que promove o intercambio de linguas entre a comunidade universitaria e o alumnado estranxeiro e que ofrece neste curso unha trintena de idiomas. O obxectivo é facilitar a práctica de linguas e fomentar a diversidade cultural mediante conversas informais.
Fonte: Universidade de Vigo
Valentín García anima a sociedade a formar parte do Proxecto Nós e dinamizar o uso do galego en espazos dixitais

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, achegouse á Estrada para acompañar a veciñanza na xornada de captación de voces no marco do Proxecto Nós levada a cabo pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Universidade de Santiago, para fomentar o uso do galego en espazos dixitais. Trátase dunha iniciativa posta en marcha ao abeiro do Proxecto Nós que ten por obxectivo recoller as diferentes variedades fonéticas e dialectais de Galicia.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Milleiros de persoas concéntranse en Santiago convocados pola plataforma Queremos Galego
Membros de diferentes colectivos reuníronse na compostelá praza da Quintana para denunciar a grave situación do galego, que definiron como "emerxencia lingüística extrema". Convocada pola plataforma Queremos Galego, a protesta subliñou a necesidade de mudanzas urxentes para garantir o futuro da lingua. Ademais, anunciaron unha nova mobilización na praza do Obradoiro o 23 de febreiro.
Fonte: Galicia Confidencial
A Xunta pon en valor a importancia dos vínculos coa lusofonía na presentación do festival ‘aRi(T)mar’

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na rolda de prensa na que se anunciaron os detalles da Gala aRi(T)mar de música e poesía galego-portuguesas que, coa colaboración da Xunta, reunirá o vindeiro venres 22 de novembro no Auditorio de Galicia os galardoados e galardoadas nesta novena edición.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta e a Residencia Literaria 1863 convocan unha nova estadía de tradución para autores estranxeiros
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Residencia Literaria 1863 da Coruña veñen de convocar a V Residencia Xacobeo para persoas tradutoras de literatura galega, co obxectivo de estimular e promocionar a tradución de obras literarias en galego, así como impulsar as letras galegas no exterior.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta impulsa a elaboración dun estudo sobre o galego no tecido empresarial do Deza

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa a elaboración dun estudo sobre o uso do galego no tecido empresarial da Comarca do Deza, da man da Asociación de Empresarios do Deza . “Trátase do primeiro informe que incide no valor socioeconómico e empresarial da lingua galega”, en palabras do secretario xeral da Lingua, Valentín García, e faise “no contexto dos últimos datos sociolingüísticos publicados polo Instituto Galego de Estatística”, así como “nos primeiros pasos da implementación da campaña «Saca a lingua que levas dentro» anunciada hai unhas semanas”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín