Galicia
O Concello do Rosal promove a escritura en galego coa convocatoria dun certame de relato curto

O Concello do Rosal, en colaboración coa Xunta de Galicia, lanza o I Concurso de Relato Curto, co obxectivo de promover o uso da lingua galega e a creatividade literaria entre a veciñanza, especialmente na mocidade. O certame, aberto a persoas non profesionais, dividirase en tres categorías segundo a idade e premiará os mellores relatos cun eBook Kindle e un lote de libros. As obras poderanse presentar ata o 1 de novembro de forma presencial ou ata o 2 de novembro a través da web municipal.
Fonte: Concello do Rosal
O Concello de Vigo organiza dúas actividades lúdicas para crear espazos de lecer en galego

Estas dúas actividades lúdicas teñen como obxectivo crear espazos de lecer en galego, tanto para público infantil e familiar, como xuvenil e adulto. Trátase de cinco concertos de rock en galego de Pakolas e cinco espectáculos de regueifas.
Fonte: Consello de Cultura Galega
O secretario xeral da Lingua participa na clausura das xornadas Sanxenxo na Historia
A xunta directiva da Asociación de Estudos Locais de Sanxenxo (AELOS) acordou por unanimidade, con motivo dos quince anos da organización das xornadas Sanxenxo na Historia, outorgar un recoñecemento institucional ás institucións e entidades que ao longo destes tres lustros colaboraron co seu desenvolvemento.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta impulsa un grupo de traballo interdepartamental para avanzar na normalización e recuperación da toponimia galega

A Xunta de Galicia impulsará un grupo de traballo integrado por diferentes departamentos autonómicos e outras institucións oficiais co obxectivo de avanzar na recuperación, actualización e normalización da toponimia galega.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Concello de Carballo pon en marcha unha nova edición dos obradoiros de acollemento lingüístico
O Servizo de Normalización Lingüística de Carballo lanza novos obradoiros de acollemento lingüístico para persoas de fóra de Galicia, así como cursos preparatorios das probas Celga 2, 3 e 4. O obradoiro de acollemento desenvolverase entre setembro e decembro e vai destinado a persoas de fóra de Galicia.
Fonte: Concello de Carballo
A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia organiza en Vigo cursos de lingua de signos española
A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) comezará nas próximas semanas varios cursos de lingua de signos española en Vigo e outras cidades galegas. A FAXPG, con trinta anos de experiencia na formación nesta lingua, ofrece clases impartidas por profesorado xordo nativo.
Fonte: Atlántico Diario
Ponteceso acolle o Festiletras 2024, unha iniciativa que mestura lingua e mar

Entre o 30 de agosto e o 1 de setembro de 2024, a aldea do Couto en Ponteceso acollerá a 42ª edición do Festiletras, organizado pola Fundación Eduardo Pondal e que ten como lema «Unha lingua para poder amar a mares!».
Fonte: Consello da Cultura Galega
Publícanse as propostas de resolución definitiva das bolsas e prazas en centros de estudos galegos no exterior

A Xunta de Galicia publicou as propostas de resolucións definitivas das dúas convocatorias públicas destinadas a cubrir sete bolsas de formación en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas, así como cinco prazas en lectorados.
Fonte: Consello da Cultura Galega
As Bibliotecas Municipais da Coruña organizan grupos de conversa para practicar galego
«Coa lingua de fóra» é o nome desta actividade formativa dirixida a persoas adultas que desexen practicar galego nun grupo de conversa, que se reunirá os mércores na Biblioteca Ágora, dinamizado por unha persoa nativa.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Mesa pola Normalización Lingüística critica o anteproxecto de lei sobre medios audiovisuais públicos por non incidir no seu papel normalizador
A Mesa pola Normalización Lingüística rexeita o anteproxecto de lei de medios públicos audiovisuais de Galicia, pois sinala que o proxecto ignora o papel normalizador da CRTVG e as medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega. Por este motivo, esixe un maior compromiso co galego, especialmente nun contexto como o audiovisual onde a presenza deste é case inexistente.
Fonte: Galicia Confidencial
Boletín
Subscríbase ao boletín