Galicia
A Xunta pon en común as súas accións sobre o galego coas demais comunidades con idiomas cooficiais

O secretario xeral da Lingua vén de participar en Cataluña nunha xuntanza cos responsables de Política Lingüística das comunidades autónomas que contan cun idioma cooficial na que compartiron as diferentes medidas que están a desenvolver nos seus territorios, e na que tamén se planificaron actuacións conxuntas de fomento e impulso do multilingüismo.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Mesa do Audiovisual Galego demanda un impulso á produción en lingua galega
As sete asociacións que compoñen a Mesa do Audiovisual Galego emitiron un comunicado no que alertan sobre a situación do galego no sector audiovisual. Subliñan a importancia deste medio para difundir a lingua entre a sociedade, especialmente entre a xente nova, e urxen ás administracións a promover a produción e distribución de contidos en galego. Tamén instan a CRTVG e a RTVE a cumprir o seu papel no fomento do idioma e solicitan medidas para garantir a presenza do galego nas programacións audiovisuais, aproveitando as posibilidades das normativas europeas e estatais.
Fonte: Culturagalega
A Universidade de Vigo presenta un libro que recolle as particularidades lingüísticas das parroquias viguesas
O libro A fala de Vigo de Xosé-Henrique Costas, presentado co apoio da Universidade de Vigo, reivindica o uso do galego nas parroquias da cidade e sinala o seu léxico e particularidades fonéticas. A obra documenta refráns, expresións e vocabulario específicos do galego local con influencias variadas.
Fonte: Universidade de Vigo
Cemiterios da Merca e Celanova acollen unha xornada de restauración da memoria lingüística
Os cemiterios de Parderrubias (A Merca) e Mourillós (Celanova) acolleron a xornada “En galego, agora e sempre” para reivindicar a memoria lingüística de Galicia, na que se destacou a incoherencia de usar o castelán en lápidas de comunidades galegofalantes e subliñaron a importancia de epitafios personalizados. A actividade, de carácter pedagóxico, busca concienciar a poboación sobre a importancia de manter o galego nas expresións póstumas e fomentar unha transmisión cultural que, en moitos casos, leva á aparición de novas lápidas na lingua propia.
Fonte: La Región
A Irmandade Xurídica Galega promoverá o uso do galego entre as forzas de seguridade
A Irmandade Xurídica Galega impulsará unha campaña para promover o galego como lingua de traballo nas forzas de seguridade, co apoio da Xunta e da Delegación do Goberno. Esta iniciativa, que inclúe propostas como relatos policiais en galego, busca mellorar a comunicación e fortalecer a confianza coa cidadanía.
Fonte: Faro de Vigo
O Consello da Cultura Galega organizará en 2025 un foro participativo en materia lingüística
A presidenta do Consello da Cultura Galega anunciou a organización dun foro participativo para 2025, no que se debaterán cuestións sociais e iniciativas da sociedade civil en relación coa lingua. Este foro busca artellar solucións conxuntas para reforzar o uso do galego en diferentes ámbitos. A presidenta subliñou a relevancia de manter o tema lingüístico fóra do debate partidario, como un proxecto común.
Fonte: Consello da Cultura Galega
López Campos gaba o enorme talento e creatividade a través do galego do alumnado da comunidade

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou o “enorme talento e creatividade en galego” dos escolares da Comunidade. Así o valorou na entrega dos Premios a curtametraxes de animación en galego Nós tamén creamos! 2023-2024, no Centro Galego de Arte Contemporánea.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
López Campos avanza no Pacto pola lingua cunha xuntanza co Consello da Cultura Galega
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, no marco das xuntanzas que está a manter para avanzar no Pacto pola Lingua.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Valentín García gaba a promoción do galego na literatura de terror nos premios Territorio Vákner
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega dos galardóns da terceira edición do certame de contos de terror Territorio Vákner, onde gabou a promoción do galego neste xénero literario e a iniciativa que procura o impulso á escritura en todos os niveis e para todos os públicos.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta reforza o seu compromiso co ensino do portugués tras cuadriplicar o número de alumnos en dez anos

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reafirmou no Parlamento o apoio da Xunta ao fomento do ensino do portugués en Galicia, un compromiso reflectido no crecemento de estudantes. Nos últimos 10 anos, o número de alumnos de portugués multiplicouse por catro, acadando neste curso un total de 4513 estudantes de 77 centros.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín