Galicia
A Xunta impulsa a elaboración dun estudo sobre o galego no tecido empresarial do Deza

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa a elaboración dun estudo sobre o uso do galego no tecido empresarial da Comarca do Deza, da man da Asociación de Empresarios do Deza . “Trátase do primeiro informe que incide no valor socioeconómico e empresarial da lingua galega”, en palabras do secretario xeral da Lingua, Valentín García, e faise “no contexto dos últimos datos sociolingüísticos publicados polo Instituto Galego de Estatística”, así como “nos primeiros pasos da implementación da campaña «Saca a lingua que levas dentro» anunciada hai unhas semanas”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta adxudica dez bolsas de formación en galego no Centro Ramón Piñeiro de investigación

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a adxudicación de 10 bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, unhas axudas formativas nas que o Goberno autonómico inviste 266 414 € e coas que busca cada ano fomentar a formación e a capacitación das persoas con titulación universitaria, promovendo ao mesmo tempo o ensino, a cultura e a investigación en lingua galega.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta recibe máis de 3500 matrículas para acreditar o nivel de galego nas convocatorias deste ano

A Xunta de Galicia recibiu este ano máis de 3500 solicitudes para certificar o nivel de coñecemento en lingua galega. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou as persoas que se examinaron no instituto Antonio Fraguas de Santiago de Compostela.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Estrada acolle o acto de entrega dos XXXIV Premios San Martiño de Normalización Lingüística
Os Premios San Martiño de Normalización Lingüística recoñecen o labor de persoas e entidades comprometidas coa normalización do galego. Nesta edición, a número 34, os galardoados forn o Grupo Valenciaga, na categoría "Comarca Tabeirós-Terra de Montes"; o contador Celso Sanmartín, na categoría “Galicia enteira”; e a asociación cultural Cántigas e Frores, na categoría “Unha vida enteira”.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O BOE publica unha lei que garante o uso do galego ante o Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional
A nova Lei orgánica 5/2024 regula o dereito de defensa e garante o uso das linguas cooficiais nos tribunais e na relación coa Administración de Xustiza. As persoas poderán empregar o galego, catalán e éuscaro en procesos xudiciais estatais, como no Tribunal Supremo, e recibirán comunicacións nestas linguas. Asegúrase, ademais, a dispoñibilidade de servizos de tradución e interpretación cando sexa necesario.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Xunta pon en común as súas accións sobre o galego coas demais comunidades con idiomas cooficiais

O secretario xeral da Lingua vén de participar en Cataluña nunha xuntanza cos responsables de Política Lingüística das comunidades autónomas que contan cun idioma cooficial na que compartiron as diferentes medidas que están a desenvolver nos seus territorios, e na que tamén se planificaron actuacións conxuntas de fomento e impulso do multilingüismo.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Mesa do Audiovisual Galego demanda un impulso á produción en lingua galega
As sete asociacións que compoñen a Mesa do Audiovisual Galego emitiron un comunicado no que alertan sobre a situación do galego no sector audiovisual. Subliñan a importancia deste medio para difundir a lingua entre a sociedade, especialmente entre a xente nova, e urxen ás administracións a promover a produción e distribución de contidos en galego. Tamén instan a CRTVG e a RTVE a cumprir o seu papel no fomento do idioma e solicitan medidas para garantir a presenza do galego nas programacións audiovisuais, aproveitando as posibilidades das normativas europeas e estatais.
Fonte: Culturagalega
A Universidade de Vigo presenta un libro que recolle as particularidades lingüísticas das parroquias viguesas
O libro A fala de Vigo de Xosé-Henrique Costas, presentado co apoio da Universidade de Vigo, reivindica o uso do galego nas parroquias da cidade e sinala o seu léxico e particularidades fonéticas. A obra documenta refráns, expresións e vocabulario específicos do galego local con influencias variadas.
Fonte: Universidade de Vigo
Cemiterios da Merca e Celanova acollen unha xornada de restauración da memoria lingüística
Os cemiterios de Parderrubias (A Merca) e Mourillós (Celanova) acolleron a xornada “En galego, agora e sempre” para reivindicar a memoria lingüística de Galicia, na que se destacou a incoherencia de usar o castelán en lápidas de comunidades galegofalantes e subliñaron a importancia de epitafios personalizados. A actividade, de carácter pedagóxico, busca concienciar a poboación sobre a importancia de manter o galego nas expresións póstumas e fomentar unha transmisión cultural que, en moitos casos, leva á aparición de novas lápidas na lingua propia.
Fonte: La Región
A Irmandade Xurídica Galega promoverá o uso do galego entre as forzas de seguridade
A Irmandade Xurídica Galega impulsará unha campaña para promover o galego como lingua de traballo nas forzas de seguridade, co apoio da Xunta e da Delegación do Goberno. Esta iniciativa, que inclúe propostas como relatos policiais en galego, busca mellorar a comunicación e fortalecer a confianza coa cidadanía.
Fonte: Faro de Vigo
Boletín
Subscríbase ao boletín