Galicia
A Universidade de Santiago organiza un certame para promover o uso do galego entre o alumnado de Veterinaria

O Servizo de Normalización Lingüística da USC organiza en Instagram o certame #cambiaatúamirada, dirixido ao alumnado de Veterinaria, co obxectivo de fomentar unha actitude positiva cara á cidade de Lugo e á cultura e a lingua galegas. A través desta iniciativa, que inclúe un sorteo de pixamas veterinarios, búscase promover o uso do galego no ámbito universitario. As persoas participantes deben seguir o perfil @linguausc e colaborar na difusión das mensaxes da campaña.
O Premio Otero Pedrayo 2024 recoñece a traxectoria artística de máis dun século da Coral de Ruada
O xurado do Premio Otero Pedrayo, impulsado pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais, vén de fallar o galardón deste 2024 a favor da Coral de Ruada. Na xuntanza, na que participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, elixiron esta agrupación pola súa traxectoria de máis dun século levando a música tradicional galega a grandes festivais nacionais e internacionais e tamén polo seu labor na promoción de actividades de formación de teatro e da escola de música.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A xornalista Julia Díaz logra o Premio da Cultura Galega 2024 na categoría de Lingua
Julia Díaz Sixto, xornalista e presidenta do Club de Prensa de Ferrol, recibiu o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. O xurado deu a coñecer as oito persoas galardoadas na edición deste ano polo seu traballo no ámbito da creación, conservación e difusión cultural.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A enquisa do IGE pon de manifesto que 7 de cada 10 persoas se comunican en galego

A Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego publicada polo Instituto Galego de Estatística reflicte que 7 de cada 10 persoas se comunican en lingua galega. Así o explicou o secretario xeral da Lingua durante a presentación das últimas novidades do portal Neofalantes.gal, a plataforma divulgativa e educativa posta en marcha en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para analizar o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron outro idioma como primeira lingua.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta tirará proveito do potencial dos neofalantes e das persoas non nadas en Galicia para incrementar o prestixio e emprego do galego
A Xunta de Galicia centrará nos neofalantes e nas persoas non nadas en Galicia as súas políticas lingüísticas para incrementar o prestixio e o uso do galego, tanto a través do novo Plan de dinamización do galego de cara a 2025, como na campaña de «Saca a lingua que levas dentro».
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Valentín García salienta a calidade dos textos do primeiro concurso de microrrelatos do Instituto de Estudos Carballineses
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de entrega dos premio do Concurso Escolar de Microrrelatos promovidos polo Instituto de Estudos Carballineses.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A CTNL organiza unha nova edición do LGx15 para recadar ideas para o futuro do galego
O 26 de outubro celebrarase no Teatro Principal de Compostela a décima edición do LGx15, un evento organizado pola CTNL que promove ideas para mellorar o futuro do galego. A xornada contará con intervencións breves, que mesturarán reflexións sobre a lingua, o medio natural, a creación ou a música, e ofrecerá novas perspectivas para fomentar a reflexión colectiva arredor deste idioma.
Fonte: Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua
A Xunta ofertará máis de cen cursos de lingua e cultura galegas a persoas non nadas en Galicia no seu Plan de dinamización do galego de cara a 2025

A Xunta de Galicia ofertará mais dun cento de cursos de lingua e cultura galegas a persoas procedentes do exterior, que se enmarcará dentro do Plan de 50 medidas que porá en marcha de cara ao ano 2025 co obxecto de impulsar o emprego da nosa lingua en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a presentación da nova imaxe da campaña «Saca a lingua que levas dentro».
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Preséntase unha nova edición de Enreguéifate, o proxecto de dinamización lingüística que pon en valor a regueifa
A oitava edición do Enreguéifate comeza coa presentación das novidades do certame que promove a regueifa, unha expresión tradicional da poesía oral galega, como medio para fomentar o uso da lingua entre a mocidade. O evento inclúe obradoiros para docentes e estudantes, e un concurso de regueifas en vídeo, con novas categorías e premios. A campaña está impulsada por varios concellos galegos e subliña a importancia desta tradición como ferramenta didáctica e cultural.
Fonte: Galicia Confidencial
A Deputación da Coruña organiza unha campaña para fomentar o libro e a lectura en galego

A Deputación da Coruña lanza a campaña 'Un outono cheo de letras' para promover a lectura e o libro en galego, coa cidadanía como protagonista a través do cancelo #UnOutonoCheodeLetras. As persoas participantes poden gañar bonos-libro de 100 euros para gastar en librerías da provincia. A iniciativa subliña a importancia do sector editorial no proceso de normalización lingüística e destaca os premios que a Deputación organiza para fomentar a creación literaria en galego.
Fonte: Deputación da Coruña
Boletín
Subscríbase ao boletín