Galicia

A Xunta participa en Ribadavia na entrega dos XVI Bacelos de Prata

A Xunta de Galicia, representada no seu secretario xeral da Lingua, Valentín García, e no seu director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiros, participou no acto de entrega dos XVI Premios Bacelos de Prata á adega Pazo Lalón e á empresa láctea Kaléikoi.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Pontevedra acolle a fase final da liga CeibaRimas, unha iniciativa para fomentar o uso do galego no rap improvisado

A final do concurso galego de freestyle CeibaRimas celebrarase o sábado 12 de outubro en Pontevedra para promover o uso do galego entre a mocidade. O evento inclúe batallas de rap improvisado, concertos de artistas consolidados e emerxentes, e repartirá premios en metálico e agasallos. O CeibaRimas busca normalizar o uso da lingua galega no ámbito da cultura urbana.

Fonte: Pontevedra Viva

Unha mostra da Xunta e da Real Academia Galega de Ciencias homenaxea o matemático Rodríguez no bicentenario do seu falecemento

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou na inauguración da exposición «José Rodríguez. O matemático de Bermés», organizada pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Xunta de Galicia.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Deputación de Pontevedra reparte 110 000 euros entre entidades da provincia para a promoción da lingua galega

As axudas repartiranse entre 47 entidades sociais de 25 municipios da provincia de Pontevedra para que poñan en marcha actividades de dinamización da lingua galega.

Fonte: Pontevedra Viva

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas premia a investigación escolar arredor do entroido e da pesca

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega dos premios da XIII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, que se celebrou no Museo do Pobo Galego. Este certame de investigación escolar sobre o patrimonio lingüístico e cultural galego é unha iniciativa da Fundación Antonio Fraguas Fraguas coa que colabora a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por medio da Secretaría Xeral da Lingua.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O Concello de Vigo organiza cursos de escrita creativa en galego

En total son dous cursos que se impartirán de outubro a decembro: un de nivel 1 (30 horas), para persoas que desexen iniciarse na escrita creativa en lingua galega; e outro de nivel 2 (20 horas), para quen queira mellorar as súas destrezas literarias neste idioma.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Xunta e Acougo presentan ‘Os Bolechas. Familias acolledoras’

As consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, e mais a Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo), presentaron o novo proxecto Os Bolechas. Familias acolledoras, un conxunto de materiais dirixidos á xente miúda e ás familias que participan en acollida temporal de nenos e nenas, que teñen como finalidade dinamizar o uso do galego nestes procesos.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García acompaña a Daniel Chapela na presentación da obra ‘Biscoito de Laranxa’

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou a Daniel Chapela na presentación da obra Biscoito de laranxa (Editorial Galaxia, 2024), peza galardoada co segundo premio na categoría de poesía na edición 2022 do certame Xuventude Crea, que promove a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Universidade de Vigo organiza un seminario sobre o uso do galego no ámbito xurídico

A Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrou o seminario "O dereito tamén en galego", co obxectivo de destacar a importancia do galego no estudo do Dereito e nas profesións xurídicas. O evento incluíu unha conferencia sobre a historia do dereito en Galicia, ofrecida por Luis Rodríguez Ennes, e outra sobre os dereitos lingüísticos na práctica xurídica, a cargo de Elsa Quintas. Ambas abordaron a relevancia do uso do galego no ámbito legal e as dificultades que existen para a súa normalización.

Fonte: Universidade de Vigo

A Universidade de Santiago de Compostela organiza un concurso para fomentar a creación de contidos en galego sobre economía ou empresa

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC organiza o concurso “Mocidade ao mando”, co fin de promover a creación de contidos audiovisuais en galego sobre economía e empresa. O certame está dirixido ao alumnado da ESO, formación profesional e bacharelato de Galicia, e premiará os mellores vídeos de entre 30 e 90 segundos de duración con ata 150 euros.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder