Mundo

O Goberno de Paraguai quere salvagardar a soberanía lingüística do país

A ministra da Secretaría de Política Lingüística de Paraguai, Ladislaa Alcaraz, avogou pola creación dunha mesa de traballo entre os poderes executivo, lexislativo e xudicial para harmonizar as normas existentes co fin de salvagardar a soberanía lingüística do país.

Fonte: Agencia de Información Paraguaya

Un proxecto piloto introduce o ensino do coreano e o alemán como primeiras linguas estranxeiras en Vietnam

O Ministerio de Educación de Vietnam quere aprobar un proxecto piloto que permita a impartición de coreano e alemán como primeiras linguas estranxeiras.

Fonte: Vietnam Plus

Unha petición en liña busca protección para a lingua occitana falada no municipio calabrés de Guardia

Iniciouse unha campaña en Change.org para pedir que a ONU protexa o dialecto occitano que aínda se fala no municipio calabrés de Guardia, no sur de Italia.

Fonte: Jornalet

Unha universidade británica ofrece un curso de coreano cun método inspirado no grupo de pop BTS

A Universidade de Sheffield ofrecerá un curso de lingua coreana cun método innovador baseado no popular grupo de pop BTS. Esta lingua asiática está tendo moita popularidade nesta universidade xa que supera o chinés e o xaponés en número de alumnado inscrito.

Fonte: The Korea Bizwire

A inacción á hora de aprobar lexislación en materia lingüística considérase discriminatorio para os falantes de gaélico en Irlanda do Norte

A organización Conradh na Gaeilge considera que a minoría de falantes de gaélico irlandés que existen en Irlanda do Norte están a ser tratados de xeito discriminatorio por parte da Asemblea de Irlanda do Norte pola inacción que esta institución mostra á hora de aprobar unha norma que regule todos os aspectos relacionados coa lingua vernácula.

Fonte: BBC

As escolas de inmersión en bretón conseguen conservar as súas tres horas de docencia por semana en secundaria

Un acordo permitirá ás escolas Diwan de inmersión en bretón manter as tres horas de bretón por semana que estaban ameazadas pola nova lei de educación de Francia.

Fonte: France Bleu

Estudantes dunha universidade mexicana crean unha aplicación móbil para dar a coñecer as linguas indíxenas

Estudantes da Universidade Autónoma de Chapingo (México) presentaron unha aplicación móbil que reúne textos e 10 000 palabras de 44 linguas nativas. O proxecto está na fase inicial e aspira a recompilar material das 68 linguas indíxenas que ten México.

Fonte: Yahoo Noticias

Unha asociación galesa pide apoio para falantes de galés que sufriron un derramo cerebral

A asociación The Stroke Association presentou a súa política de lingua galesa en que esixe que os falantes de galés que sufriran un derramo cerebral teñan acceso a servizos de saúde na súa lingua materna para incentivar a súa recuperación.

Fonte: Wales 247 

O pobo udmurto loita por manter viva a súa lingua e cultura no corazón de Rusia

Udmurtia é unha república da Federación Rusa que está situada entre o río Volga e os Urais. Cunha cultura en regresión, algúns activistas están loitando por promover a lingua udmurta, emparentada co finés, e salvala da extinción.

Fonte: Nationalia

Un banco recibe recoñecemento no País de Gales pola súa promoción da lingua galesa

O comisario da Lingua Galesa, Aled Roberts, gabou o labor do banco Metro Bank na súa promoción e uso do galés. Entre outras medidas, a entidade bancaria permite que o seu persoal reciba formación en lingua galesa.

Fonte: Business Live

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder