Mundo

O presidente de Cabo Verde fala sobre os desafíos que ten a lingua caboverdiana

O presidente de Cabo Verde, Jorge Carlos Fonseca, declarou con motivo do Día Mundial da Lingua Materna que aínda que a lingua caboverdiana non está en perigo si que se enfronta a desafíos importantes como o que fai referencia ás dificultades por conseguir a súa normativización pola influencia que recibe da lingua portuguesa.

Fonte: Expresso das Ilhas

O Centro Nacional de Investigación Científica de Francia presenta un sitio web con audios de linguas en proceso de desaparición

O Centro Nacional de Investigación Científica de Francia (CNRS, polas súas siglas en francés) presentou o sitio de internet Pangloss que reúne rexistros sonoros de linguas sen tradición escrita que están a piques de desaparecer.

Fonte: Mediabask 

O departamento de Asuntos Exteriores de Suíza lanza unha iniciativa en liña para visibilizar e promocionar o romanche

O departamento federal de Asuntos Exteriores de Suíza e o cantón de Graubünden organizan a primeira Semana da Lingua Romanche co obxectivo de promocionar o romanche e salientar a súa importancia no plurilingüismo do país helvético.

Fonte: Expatica

O mundo conmemora o Día Internacional da Lingua Materna

Como cada 21 de febreiro, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) conmemora en todo o mundo o Día Internacional da Lingua Materna co fin de lembrar a responsabilidade de todas as persoas e Estados na promoción e protección do plurilingüismo e da diversidade lingüística e cultural. A celebración deste ano é un chamada á clase política, educadores e familias a que reafirmen e se comprometan aínda máis coa educación plurilingüe para promover a recuperación da educación tras os efectos da pandemia da covid-19.

Fonte: United Nations

O Goberno de Francia considera que o francés debe puntuar máis que o corso no sistema educativo

Organizacións educativas e sindicatos de Córsega criticaron a reforma educativa aprobada polo Goberno de Francia que estipula que o francés pasará a ter un coeficiente maior que linguas rexionais como o corso.

Fonte: Nós Diario

A Embaixada de Portugal en Venezuela e o Instituto Camões ofrecen unha conferencia para profesorado de portugués

A Embaixada de Portugal en Caracas e o Instituto Camões ofrecen unha conferencia en liña para profesorado de portugués de Venezuela e doutros países da América Latina.

Fonte: Rádio Calheta

Unha organización do Canadá presenta un concurso para conectar escolares de ascendencia portuguesa coas súas orixes

A Federación de Empresarios/as e Profesionais Luso-canadenses (FPCBP, polas súas siglas en inglés) presentou un concurso escolar en lingua portuguesa para coñecer o impacto que as orixes familiares teñen ou tiveron en escolares procedentes de familias portuguesas. 

Fonte: The Portugal News

O Goberno do País de Gales quere promocionar o uso da lingua galesa en empresas privadas

"Helo Blod" é un proxecto do Goberno do País de Gales dirixido a empresas que consiste en ofrecer servizos ou asesoramento sobre como introducir ou facer máis visible a lingua galesa en negocios ou ideas comerciais.

Fonte: Business News Wales

Preséntase no Perú un dicionario bilingüe aguaruna-español

A Asociación Fe e Alegría do Perú e o Centro Amazónico de Antropoloxía e Aplicación Práctica (CAAAP, polas súas siglas en español) presentarán tres materiais para a difusión da lingua aguaruna (ou awajún), falada nas rexións amazónicas do Perú. Un deles é un dicionario bilingüe de 20 000 entradas.

Fonte: La República

A nova ministra de Educación de Estonia quere destinar recursos a incentivar o estudo do estoniano entre escolares de fala rusa

A ministra de Educación e Investigación de Estonia, Liina Kersna, defendeu a necesidade de destinar fondos públicos a incentivar a aprendizaxe do estoniano nas escolas onde predomina alumnado que ten o ruso como primeira lingua.

Fonte: ERR

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder