Mundo

Abren dúas novas escolas de inmersión en galés no País de Gales

A Autoridade Unitaria de Carmarthenshire, no País de Gales, contará con dúas novas escolas de ensino primario que empregarán o modelo de inmersión en lingua galesa.

Fonte: Wales Online

Un tribunal alemán ditamina que os traballadores non están obrigados a falar alemán cos sindicatos

O Tribunal do Traballo de Núremberg ditaminou que un traballador ou traballadora pode falar unha lingua diferente do alemán para comunicarse cos sindicatos e co resto de persoal dunha empresa, sempre que haxa un servizo de tradución adecuado.

Fonte: SHRM

A Mesa pola Normalización Lingüística propón nun encontro virtual a creación dun fondo europeo de linguas en perigo

A Mesa pola Normalización Lingüística e outras entidades da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN, polas súas siglas en inglés) propuxéronlle á dirección xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea a creación dunha figura de defensor ou defensora das linguas e un fondo europeo de linguas en perigo.

Fonte: Galicia Confidencial

O Goberno de Estonia non pechará as escolas de fala rusa

O executivo estoniano pretende incrementar as axudas para a promoción do ensino en estoniano. Porén, o ministro de Administración Pública de Estonia, Jaak Aab, afirmou que non se está considerando o peche das escolas de inmersión en ruso que existen no país báltico.

Fonte: ERR

Un estudo revela que un terzo da poboación de Irlanda pode falar gaélico irlandés

Unha enquisa realizada pola organización Conradh na Gaeilge de Irlanda revela que 1,5 millóns de irlandeses e irlandesas, un terzo da poboación, poden falar gaélico irlandés con certa seguridade. O estudo tamén mostra que case a metade das persoas entrevistadas escollería unha escola de inmersión en gaélico para a escolarización dos fillos ou fillas.

Fonte: Newstalk

O País de Gales celebra o Día da Música en Galés

O País de Gales celebra, como cada 5 de febreiro, o Día da Música en Galés que ten como obxectivo a promoción e defensa dos artistas musicais que se expresan nesta lingua. A edición deste ano terá lugar en formato virtual.

Fonte: In your area

O centro cultural Memorial da América Latina lanza un libro sobre as linguas dos pobos orixinarios de América

O centro cultural brasileiro Memorial da América Latina lanzou o libro Línguas Ameríndias - ontem, hoje e amanhã que aborda o tema das linguas indíxenas dos pobos orixinarios do continente americano.

Fonte: ABC do ABC

Un lingüista de referencia en Grecia alerta sobre a crecente irrupción de anglicismos na lingua grega

Georgios Babiniotis, lingüista de referencia e antigo ministro de Educación de Grecia, mostrou a súa preocupación pola crecente irrupción de termos procedentes do inglés na lingua grega, sobre todo desde o inicio da pandemia a causa do coronavirus.

Fonte: The Guardian

Turquía cualifica o 2021 como o ano da lingua turca

O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, anunciou que o 2021 vai ser celebrado como o ano do poeta Yunus Emre e o da lingua turca. A institución responsable da programación cultural para este fin vai ser o Ministerio de Cultura e Turismo.

Fonte: TRT

O guaraní estrea dicionario monolingüe

O guaraní, idioma oficial de Paraguai xunto ao español, contará co seu primeiro dicionario monolingüe. A obra lexicográfica terá unhas 2000 entradas.

Fonte: La Vanguardia

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder